Regades sinalou que “con esta decisión de sumar este ano o diñeiro da LIÑA 1 do Plan 2019, os concellos poderán planificar moito mellor as súas necesidades e, amais, facémolo coa marca propia deste Plan: o total respecto á autonomía local. Son os concellos os que deciden os proxectos que fan cos cartos provinciais”.
A remodelación e humanización da avenida de Galicia, a entrada ao concello do Porriño, será un dos proxectos estrela de este ano. “Hai que agradecer, dixo Regades, que o concello dedique as achegas da Deputación a proxectos como este porque falamos dunha obra de humanización que vai cambiar a vila, vai transformala para que as rúas deixen de ser lugares onde os vehículos son os protagonistas a espazos para o goce das veciñas e dos veciños”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Eva García de la Torre, indicou que con esta actuación procúrase que “esta vía de entrada ao Porriño sexa máis humana e máis compatible co uso do espazo público por parte da cidadanía”. García salientou que se vai reformar o Parque da Alameda e realizaranse actuacións na mediana e beirarrúas, con árbores e espazos máis atractivos e acondicionados para as veciñas e veciños.
Instalacións da Granxa
O deputado e a alcaldesa tamén visitaron as instalacións de atletismo da Granxa, acompañados pola directiva do Club de Atletismo, que serán reformadas ao abeiro do novo Plan de Reequilibrio da Deputación. As obras, cun orzamento dun millón de euros, serán cofinanciadas pola institución provincial con 800.000 euros.
O proxecto elixido polo Concello prevé dotar aos integrantes do club dunhas instalacións óptimas para os seus adestramentos. As obras, que rematarán no verán do 2019, servirán para homologar a pista con vistas a acoller competicións oficiais.
Na actualidade, a parcela posúe un campo de fútbol e unha pista perimetral que se usa para adestramentos pero carece das medidas necesarias para competición e do pavimento axeitado. Executarase un módulo cuberto con unha recta de 6 rúas de 60 m de lonxitude e unha pista homologada, e contará cunha cuberta dotada de lucernarios que permitan o paso da luz natural.
Amais, dotarase da iluminación necesaria para o desenvolvemento de competicións e adestramentos e prevese a posible instalación dun sistema de ‘fotofinish’. Na parte central da pista executarase un módulo de lanzamento de peso cun aro de formigón provisto do aro de seguridade. O entorno terá un espazo verde de céspede que integra a instalación coa súa contorna.