A vía, que une a parroquia de Camos coa de Chandebrito, discorre nunha das súas marxes ao carón do monte comunal calcinado nos incendios do 15 de outubro e, ante a ausencia de masa forestal nesta zona de pendente inclinada, a acumulación de choiva provoca escorrentías e precipitacións de lama e rochas sobre a calzada e o barrio de Piñeiros.
As obras consisten no retranqueo dun metro máis na marxe da estrada afectada, nova canalización de pluviais, construción dun noiro cunha inclinación maior (terá unha distancia de 10 metros sobre a marxe máis desfavorable da calzada) e instalación dun muro de contención que impida os desprendementos sobre a calzada, ademais de habilitar novos aliviadoiros para evitar asolagamentos. Por outra banda, retiraranse árbores e rochas do monte nunha marxe de seguridade de 10 metros sobre a estrada.
«Trátase dunha obra de carácter urxente na que a resposta da Deputación tralo requirimento do Concello foi inmediata ao entender que se trata dun risco real», sinala Diego García, edil de Urbanismo.
Risco en Chandebrito
Por outra banda, o Concello de Nigrán reiterou á Xunta a que aborde con celeridade o posible risco de desprendemento de rochas no castro de Chandebrito, alerta que foi trasladada dende o consistorio hai máis de dous meses.
A petición da propia Alcaldía, a Policía Local de Nigrán emitiu en outubro un informe no que se alude a un “posible perigo de desprendemento ante unha riada ou choiva’ cos conseguintes danos que podería causar tanto nas edificacións como nas vivendas que se atopan no monte, así como nos vehículos que circulan pola rúa da Igrexa e camiño das Pereiras.