Samuel González, subcampión no 2017, e Iván Feijoo, gañador esta campaña da Copa de España, aspiraban a subir ao caixón na competición sub23 masculina, pero o barro de Legazpi atragantouselles. Dende a primeira volta quedaron descolgados dos tres primeiros nun trazado con moitos treitos que eran imposibles de superar enriba da bici. González terminou sexto, a 8:33 do gañador Jofre Cullell (Catalunya), e Feijoo entrou 47″ máis tarde na sétima praza.
Borja Gómez, ovacionado
A proba con máis representación do combinado que dirixe Guillermo Sande foi a cadete masculina. Sete corredores tomaron a saída defendendo o maillot de Galicia e os mellores postos obtivéronos Zoe del Río e Miguel Rodríguez, décimo cuarto e décimo quinto respectivamente. Os outros catro seleccionados que completaron a carreira acabaron prácticamente xuntos, separados tan so por 26 segundos: Jorge Fernández (23º), Martín González (24º), Fabián Rodríguez (26º) e Xoel Montes (27º).
Ao marxe dos resultados, Borja Gómez convertiuse no gran triunfador cadete. O corredor do Ponteareas recibiu unha espectacular ovación do público dende a primeira pedalada. Defendendo as cores da Selección deu unha lección de superación e integración abrindo o camiño para que outros nenos e nenas con Síndrome de Down sigan os seus pasos.
Bronce de Tucho
Nas competicións masters os galegos acadaron unha medalla de bronce e dúas de ‘chocolate’. Antonio González ‘Tucho’ terminou terceiros nos masters-50 B. O ciclista do Salvaterra acompañou no podio ao vencedor José Lorenzo Esteban (Bizkume) e ao segundo clasificado Arsenio González (Arantxorri). Nesta mesma carreira Javier de la Fuente separáno 34″ do terceiro chanzo do caixón nos masters-50 A.
A mesma sorte que o betanceiro correu o outro máster da Selección de Galicia. Luciano Carretero tamén ocupou a cuarta praza na táboa 30 B, cruzando a liña de meta a 1:40 do terceiro clasificado.
Última xornada
A gran cita do ciclocross estatal baixará este domingo o pano cunha intensa xornada matinal. Ás 09:30 horas arrancarán as cadetes femininas con triple representación da Selección: Noela Saa, Aida González e Laura Capa. A continuación (10:30) poranse en marcha os juniors masculinos co tridente galego formado por Carlos Canal, Adrián Barros e Jorge Suárez.
As dúas últimas carreiras serán os pratos fortes deste campionato. Primeiro (11:45) chegará a quenda das elite, sub23-júnior e máster. A sub23 Irene Trabazo, gañadora esta temporada da Copa de España da súa categoría, e a júnior Andrea García representarán a Galicia. Para rematar disputarase a proba elite masculina (13:45) con Darío Otero lucindo as cores do cominado autonómico.