O combinado que dirixe Guillermo Sande despediu esta cita con catro medallas, igualando a mesma cifra que asinou o pasado ano. O triunfo de Canal foi incontestable. No seu primeiro ano como júnior o corredor do Academia Postal – Actyon – MMR de Maceda exprimiu a súa potencia no esixente trazado guipuscoano. «O circuíto tiña moito barro e fíxose moi duro. Rara vez atopas un escenario con estas condicións. Practicamente facíase imposible manter un bo ritmo durante toda a carreira, pero acabas gozándoo», explicou o de Xinzo de Limia.
O ourensán venceu cun tempo de 36:22, distanciándose en 1:25 de Gonzalo Inguanzo (Cantabria) e en 1:40 do vigués Adrián Barros. O ciclista do Coruxo resistiu na terceira praza para levarse o bronce con 18 segundos de marxe sobre Alfredo Teleña (Asturias). Jorge Suárez, terceiro compoñente da Selección de Galicia, finalizou 26º.
Canal explicou que «saín a controlar pero atopeime moi forte. Cando collín uns metros sobre os demáis empecei a meter distancia e na última volta dino todo para ampliar a diferencia e sentenciar». O limiao, prata no 2017 como cadete, valorou este éxito como «un empurrón moi grande porque esta temporada non tiña conseguido moitas vitorias. Fixemos un parón para chegar ben aquí, arriscamos e funcionou. Este resultado é unha gran alegría». A súa temporada aínda non rematou e disputará dúas probas da Copa do Mundo e o Mundial.
Podios femininos
Outra seria opción de medalla para a delegación galega era Irene Trabazo e a gañadora da Copa de España deste curso non fallou. A corredora do Marín Ottoman impúxose nunha dura pugna pola prata sub23-júnior con Magda Durán (Catalunya). As dúas mantiveron o seu pulso ata o treito final e a sub23 marinense superou á catalana por 24″. O triunfo, con 1:51 de vantaxe, correspondeulle a Luisa Ibarrola (Euskadi). No décimo oitavo posto concluíu a junior Andrea García, da Selección de Galicia, mentres que entre as elites Isabel Castro (Condado Bike) cruzou oitava a liña de meta.
A colleita de metais do combinado autonómico completouna Noela Saa. A cadete do Academia Postal – Actyon – MMR fíxose co bronce tras rematar a 8″ da segunda clasificada Anne de Pablo (Euskadi) e a 24″ da campioa María Parajón (Madrid). As galegas ofreceron un excelente nivel nesta categoría e outra representante da estructura de Maceda, Aida González, obtivo a cuarta posición, a 1:04 da vencedora.
O evento de Legazpi baixou o pano coa competición elite na que o corredor do combinado autonómico Darío Otero clasificouse 40º. No balance xeral do ciclocross galego neste campionato hai que engadir ás catro medallas do domingo, o bronce que se adxudicou Antonio González (Salvaterra) o sábado nos masters-50 B.