O alcalde de Nigrán, Juan González, xustificou esta privatización ante a necesidade que observa de “darlle estabilidade a este servizo ante a dificultade que supón cubrilo ao cen por cen todo o ano con persoal contratado a través do Plan Concellos da Deputación e o custo engadido que implica recorrer puntualmente a empresas cando estes traballadores non están”.
González precisa que a curto prazo resulta inviable municipalizar o guindastre «porque o Concello de Nigrán non dispón de ningunha praza de operario municipal habilitada ao respecto e, debido a actual lei estatal de Estabilidade Orzamentaria, tampouco a podemos crear». Ademais, estima que aforrará custos ao Concello.
Segundo estipulan as bases, o horario de prestación do servizo contratado será de luns a domingo de 08:00 a 23:00 horas durante os meses de xuño a setembro e nos meses e horarios restantes será mediante demanda sen poder superar o tempo de resposta os 15 minutos.
A maiores inclúense 50 horas anuais de traballo presencial fóra dos horarios citados previa petición da Xefatura da Policía Local de Nigrán. No horario presencial poderá ser requirida para labores como traslado de vallas e sinalización ou retirada das mesmas, e nos casos de emerxencia fora de horario para asuntos da Policía Local de delimitar ou sinalizar zonas perigosas.
O prezo por retirada de vehículo con desprazamento ao depósito fóra do horario e excluídas as 50 horas presenciais a maiores será de 80 euros máis IVE por infracción e de 40 euros máis IVE por enganche sen cargo de guindastre.
Finalmente, o contrato tamén incide en que o Concello de Nigrán será quen proporcione a grúa co uso e mantemento ao día, facéndose cargo a adxudicataria dos gastos de combustible, seguro obrigatorio e de verificar o seu correcto mantemento (as avarías que xurdan por falta da verificación e por uso indebido non imputable ao desgaste normal correrán a conta da empresa).