Esta obra é contratada pola administración local mosense e financiada mediante unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Os traballos iniciaranse dentro dun mes aproximadamente e desenvolveranse ao longo dun trimestre.
A Avenida de Puxeiros é un tramo da antiga estrada nacional N-120, cedida por Fomento ao Concello de Mos. Atópase humanizada parcialmente, entre a glorieta da que parten a EP-2603 (Puxeiros-Peinador) e a EP-2604 (Puxeiros-Rebullón) e a glorieta da que parte a EP-2601 (Puxeiros-Mos).
O Concello de Mos, segundo declararon os representantes municipais Nidia Arévalo, rexedora local, e Luis Alonso, concelleiro de Vías e Obras “está concienciado sobre a necesidade de aumentar a seguridade viaria e humanizar os tramos de vías municipais que discorren polos núcleos máis urbanos. Por iso, para dar continuidade ao tramo urbanizado existente, tomouse a decisión de realizar a humanización do tramo que vai desde a ligazón coa A-55 no punto quilométrico 9 e acaba na glorieta da que parte a Estrada Puxeiros-Mos (EP-2601) e a Rúa Ludeiro, ao norte (PK 0+468)”.
O ámbito de actuación, ao sur do tramo urbanizado da Avenida de Puxeiros, actualmente carece de beirarrúas e ten unha iluminación pobre, nun tramo cun tráfico denso, ao servir de acceso á A-55 quilómetro 9 para algúns dos polígonos industriais da zona. Por iso, para mellorar a seguridade viaria dos peóns e dos usuarios da vía, as actuacións inclúen principalmente a humanización deste tramo da Avenida de Puxeiros, mediante a ordenación de espazos. Desta forma créanse itinerarios peonís máis seguros, con novas beirarrúas (marxe oeste) e sendas a nivel (marxe este).
Así mesmo, proxéctase un novo muro de pedra na marxe oeste, para conter a citada beirarrúa. E como obras complementarias que aumentan a seguridade viaria incluiranse a mellora da iluminación (farois con leds de baixo consumo), adecuación da drenaxe aos novos pavimentos, creación dunha mediana que se axardinará para urbanizar esta contorna, execución de pasos de peóns elevados e nova sinalización horizontal e vertical, entre outras.
O investimento previsto é de 261.858 euros e o prazo de execución prevese, como xa se dixo, en 3 meses.