A Xunta informou este sábado de que está a cumprir cos prazos estipulados para que «a Cidade da Xustiza de Vigo sexa unha realidade no ano 2019». O representante do Goberno galego en Vigo, Ignacio López-Chaves, realizou unha visita ás obras que se están a realizar no antigo Hospital Xeral. Segundo constatou, o derribo do complexo sanitario avanza a bo ritmo co inicio da demolición do edificio circular.
«Cómpre lembrar que para axilizar ao máximo a posta en marcha do edificio, o proxecto dividiuse en dúas fases. A fase de execución, coa demolición daquelas partes do edificio do antigo Hospital Xeral que están a ser retiradas, e unha segunda fase de obra de rehabilitación cun prazo de execución de 21 meses», explica a Xunta nun comunicado.
Respecto a primeira delas, os traballos iniciáronse coa demolición interior, practicamente terminada, e xa se deu comezo ao derribo da estrutura circular exterior e parte do anexo de Urxencias, onde o deseño do arquitecto Alfonso Penela ten proxectada unha grande praza no acceso a futura Cidade da Xustiza. O seguinte paso será o derribo dos patios laterais.
En canto á segunda fase, xa está autorizada a contratación das obras e tres empresas manifestaron o seu interese na transformación e adaptación do complexo do antigo hospital como futura infraestrutura xudicial. O investimento que fará a Xunta nesta segunda fase e de preto de 30 millóns de euros.
Esta obra, que suporá unha importante mellora para os profesionais e usuarios da Xustiza en Vigo, agrupará nun mesmo espazo as 35 unidades xudiciais da cidade; con espazo para futuras ampliacións de ata 22 unidades máis; e facilitando en gran medida o traballo dos profesionais, con 36.000 metros cadrados de instalacións modernas para desenvolver o seu traballo.
«Desde a Xunta apostouse por rehabilitar un edificio emblemático da cidade, concentrando nun mesmo sitio todas as dotacións xudiciais da cidade, poñendo en marcha unha infraestrutura xudicial moderna e ben dimensionada, e buscando a mellor solución para converter o antigo Xeral na nova Cidade da Xustiza de Vigo», remata o comunicado.