Durante a campaña, que arrancará o 18 de febreiro en Ons e se estenderá ata o próximo 29 de abril, ofreceranse un total de 208 prazas para visitar o parque. A idea é traballar sempre con grupos reducidos para poder ofrecer unha visita de calidade e o máis personalizada posible, ao tempo que se garante a preservación dos valores do entorno.
Os interesados en participar nalgunha das visitas xa poden reservar praza a través da web “Reservas Parques Nacionales” ou facelo de forma presencial nas oficinas do parque nacional en Vigo (rúa Oliva, nº 3) ou no centro de visitantes (rúa Palma, nº 4).
O prazo para inscribirse seguirá aberto ata catro días antes da visita e para cada ruta abrirase unha lista de agarda coa que cubrir eventuais baixas. De feito, en caso de non poder asistir e tendo en conta á alta demanda que ten a actividade, cada participante deberá anular a súa reserva na mesma páxina web como máximo tres días antes.
Novidades
O ano pasado tamén se ofreceran doce rutas ás Illas Atlánticas nesta época do ano aínda que como novidade, en 2018 está previsto organizar unha segunda quenda de visitas con guía a partir do mes de maio.
Outra das novidades da campaña é que, por primeira vez, a reserva de praza non terá por que ser individual. Así, cada solicitante poderá inscribirse xunto cun máximo de 3 acompañantes que deberán estar debidamente identificados. Cada persoa poderá reservar e participar nunha soa das rutas previstas para este semestre.
Todas as actividades guiadas ás illas son de balde, aínda que os participantes deberán asumir o custo do seu transporte. No caso de Cíes e Ons, poderán acceder a través da liña regular que as distintas navieiras autorizadas ofrecen con saída desde distintos portos, ou ben achegarse en embarcacións privadas autorizadas.
Para acceder a Sálvora e Cortegada, onde por razóns de conservación non hai transporte regular diario, o propio parque organiza un transporte especial pero o custo do billete deberá asumilo igualmente o interesado.
Este programa de visitas guiadas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas naceu en febreiro do ano 2014 e ata o momento, xa participaron nel máis de 1.100 persoas. A súa finalidade é animar aos cidadáns de todas as idades a coñecer os valores naturais e culturais deste espazo fóra da tempada estival, unha época de menor afluencia na que se poden descubrir outros aspectos singulares do Parque Nacional.
Ruta a Cíes para familias con nenos
A temática das rutas é moi diversa, xa que van desde o carácter histórico e botánico do percorrido pola illa de Cortegada coa ruta ‘O segredo dun bosque no medio do mar’, pasando pola riqueza xeolóxica das rochas de Sálvora coa visita Esculturas e lendas, pola toponimia de Ons coa ruta ‘Unha illa de nomes’, ata chegar á historia das Cíes cunha ‘Viaxe no tempo’.
Como en anos anteriores, nesta ocasión tamén haberá unha ruta especial pensada para familias con nenos. Realizarase durante o período de vacacións escolares de Semana Santa, concretamente, o luns 26 de marzo en Cíes.
Durante o percorrido pola illa faranse dinámicas e xogos que axuden aos rapaces a coñecer os ecosistemas do Parque Nacional. Como máximo poderanse inscribir 3 nenos con cada adulto participante na actividade, especialmente recomendada para menores de entre 5 e 11 anos.