Ademais o sindicato alerta de que a compañía quere aplicar unha serie de recortes que “provocarán un empeoramento do servizo que se lle presta á cidadanía”. Entre eles estarían a eliminación de ata cen colectores, a redución das zonas de limpeza e eliminación da quenda de noite.
Diante disto, a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, solicitou poder intervir no pleno municipal co obxectivo de explicar o conflito laboral aberto como consecuencia, segundo indica a propia empresa, de que o Concello manteña conxelado dende 2012 o canon que paga polo servizo.
O Concello de Nigrán, de feito, manifestou o seu apoio aos traballadores nun conflito laboral “de carácter interno” e que se centra “principalmente no cambio de quendas realizado dende a concesionaria unilateralmente coa conseguinte redución salarial aos traballadores”.
Trocos no servizo
A empresa comunicou este mércores ao Concello que dende o 1 de febreiro o servizo de recollida con camión de carga traseira pasaría de realizarse en horario nocturno a realizarse en diúrno (de 07:00 a 14:00 horas) para así aforrar o custe de nocturnidade que se lles abona (esta medida en concreto sinalan que afectaría a tres dos 21 traballadores).
«Estamos xa colaborando na busca dunha solución para evitar unha folga que prexudicaría directamente a nosa veciñanza e, ao mesmo tempo, para que non se rebaixen os dereitos dos traballadores», resume o alcalde, Juan González, quen mantén reunións dende a semana pasada cos representantes sindicais e da empresa, aos que pide «responsabilidade á hora de negociar».
«Reunirémonos tantas veces como sexa preciso co obxectivo de que se alcance un acordo; dende o Concello confiamos en que non se chegue á folga», declarou.