Segundo o sindicato, cando se fala de listas de espera hai que dar os datos de todos os cidadáns que agardan por unha intervención, independentemente de onde sexan operados. “A realidade é que a lista supera as 16.000 persoas, que engadindo a lista de Povisa, deixa unha realidade de preto de 20.000 persoas agardando a ser operados”, indican.
Para CCOO é “preocupante” a espera nalgunhas especialidades como traumatoloxía, que supera amplamente as 5.000 persoas, oftalmoloxía e cirurxía xeral, que superan as 2.000 cada unha delas. Do mesmo xeito, salientan a espera nas obesidades mórbidas de cirurxía xeral, con doentes en espera “desde hai anos”.
A Federación de Sanidade non comparte o “triunfalismo” con que valoran as “macrocifras coas que venden o incremento da actividade» e consideran “fundamental” implantar un plan de choque, que para Vigo pasaría por dar prioridade aos casos de especial gravidade e aos urxentes (prioridade 1 e 2) e aos doentes que levan mais tempo, por manter todas as camas e quirófanos funcionando durante todo o ano e por abrir os quirófanos en quenda de tarde e non so nas campañas puntuais e con peonadas.
Segundo o sindicato, para acometer un plan similar, cun novo hospital e a desaparición do Xeral e o Cíes, “cómpre dotar ao Meixoeiro dunha UCI axeitada e a utilización de todos os recursos e a contratación de persoal cunha partida económica dos fondos económicos destinados as concertación e as peonadas”.