De carácter presencial e 30 horas de duración por taller, o prezo para cada un dos obradoiros é de 40 euros para o público en xeral e 26 para as persoas da comunidade universitaria, podendo no caso do alumnado recoñecer a asistencia cun crédito ECTS.
A principal novidade chega da Facultade de Filoloxía e Tradución da man das profesoras Ana María Fernández Soneira e María Suárez e baixo o título ‘Estratexias para a composición escrita: o texto como resultado dunha actividade cognitiva complexa’. A idea é crear un taller dirixido a mellorar a comprensión e a produción escritas en contextos académicos, sociais e científicos; fomentar habilidades para redactar textos académicos e tamén aprender a redactar diferentes tipos de textos en función do público ao que se destina.
Arredor da escritura vertébrase tamén o obradoiro Leva as túas ideas da mente ao papel: estratexias para escribir e presentar, unha proposta dirixida por docentes de distintos ámbitos e a través da cal tratarán de ensinar múltiples trucos e estratexias para facilitar o uso avanzado dos programas máis habituais de edición de textos e presentacións.
Outra das novidades –xa se ofertara noutra ocasión pero non chegou a impartirse- é o obradoiro de ‘Iniciación ao mus’, de Manuel Cuquejo e Miguel Ángel Nombela, e que axudará a fomentar destrezas e habilidades no cálculo de probabilidades e toma da mellor decisión, tendo en conta que se trata dun xogo de parellas cunha continua interacción co compañeiro ou compañeira de xogo.
Cogomelos, plantas silvestres e horta ecolóxica
Impartido por un equipo liderado pola profesora Marisa Castro, directora do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, o obradoiro Cultivo doméstico de cogomelos centrarase no cultivo práctico de diferentes especies de interese gastronómica. Para isto, achegarase ao alumnado os coñecementos teóricos necesarios, así como todo o material preciso para desempeñar o cultivo nas instalacións da Facultade de Bioloxía coa guía do persoal docente do obradoiro.
Tamén de carácter moi práctico terá lugar unha nova edición do taller de Plantas silvestres comestibles. Queda atrás o outono e achégase a primavera e con ela múltiples herbas e innumerables posibilidades de cociñalas. Haberá roteiros que se desenvolverán por diferentes zonas do campus e nas xornadas de cociña elaboraranse cremas, caldos ou frituras, albóndegas, empanadas, pan, biscoitos e mesmo xeados.
De cultivos vai tamén o obradoiro de horta ecolóxica, que de novo volverá a impartir Jacobo Ojea, no que se afondará no deseño dunha horta, temas de compostaxe, sementes e plantas, peches vexetais, fauna auxiliar…
Cultura exipcia, teatro e música tradicional
Por outra banda, levarase a cabo a segunda parte do obradoiro de Introdución á cultura exipcia, o único dos obradoiros que non se desenvolve no campus senón na EU de Estudos Empresarias. Impartido por Eugenia Muñoz, o obradoiro ten coma obxectivo aproximar aos asistentes á cultura do antigo Exipto a través da escritura xeroglífica.
Completan a oferta dous clásicos do programa de obradoiros, a Aula de Teatro, aberta só aos que xa participaron neste taller no primeiro cuadrimestre e dirixida á posta en escena dunha obra que se estreará na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) que organiza cada ano a Universidade; e a Aula de Música Tradicional, no que os e as asistentes iniciaranse ou seguiran formándose nos distintos instrumentos, cantos e danzas coa base do grupo de música e baile tradicional Son das Lagoas, xurdido do propio obradoiro.