A instalación atopábase en pésimas condicións tras décadas de falta de mantemento, o que provocaba caídas cotías dos nenos pola irregularidade do firme. A actuación consiste na reposición do formigón, empregandose para elo 700 metros cúbicos que se tinguirán de vermello; pulido posterior da superficie; pintado dunha cancha de futbito e dúas de baloncesto; mellora dunha rampla para que as pistas sexan accesibles e; finalmente, canalización de pluviais.
A restitución desta pista implicará a súa apertura fora do horario lectivo para uso público, tal e como se acordou dende a dirección e o Concello. «Aínda que o obxectivo número un é que poidan empregala os alumnos do Humberto Juanes, isto tamén significa que o centro de Nigrán gaña un espazo de calidade para a práctica deportiva, co conseguinte beneficio para toda a veciñanza, que poderá facer uso dela», sinala o alcalde, Juan González. «O goberno de Nigrán defende a educación pública e de calidade, polo que considera prioritario o investimento na mellora dos colexios do municipio», finaliza.