A xuntanza contou con representación da propia Consellería así como de todos os grupos políticos da corporación, varias asociacións de veciños, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a empresa encargada de realizar as prospeccións, Eptisa.
Os traballos centraranse concretamente nas parroquias de Sanguiñeda e Pereiras, as dúas zonas nas que existen sospeitas da presenza deste tipo de substancia, segundo a información facilitada polas autoridades locais.
Co fin de delimitar con maior exactitude os posibles lugares afectados, os representantes veciñais asistentes quedaron en aportar toda a información histórica da que dispoñen e canalizala a través da propia comisión.
Durante o encontro explicouse a metodoloxía de traballo analítico que se está a levar a cabo por parte de Eptisa e que consta de dúas fases. A primeira consiste nun traballo de gabinete no que se recopila toda a información posible sobre as posibles zonas afectadas antes de proceder á análise de solos e augas. Neste punto é no que se atopan actualmente dende a empresa e o que se iniciou o pasado mes de decembro.
A segunda fase, que comezará o vindeiro 19 de febreiro, é a das catas mediante as que se tomarán mostras de solo e auga. É o denominado traballo de campo. As mostras tomadas serán posteriormente analizadas e, unha vez obtidos os resultados das devanditas análises e en función dos mesmos, tomaranse as medidas oportunas de ser necesarias.
Novas reunións
Durante a reunión da comisión de seguimento, membros da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático trasladaron aos asistentes toda a información dispoñible ata o de agora e os pasos inmediatos que se van dar co fin de determinar o antes posible se existe ou non presenza de lindano nos terreos baixo sospeita.
Neste sentido, a comisión acordou volver reunirse dentro dun mes e agárdase que nesa segunda xuntanza se poidan analizar os resultados provisionais destas prospeccións e das analíticas que se lle realicen ás mostras recollidas.