En total, para a cuarta edición da competición, rexistráronse máis de 170 equipos na categoría Wall-E, dirixida a alumnado da ESO e Bacharelato, e 15 equipos na R2D2, para estudantado de titulacións superiores e outras persoas interesadas. A competición realizarase por equipos, que deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu robot a partir dun kit básico que lles entrega a organización da proba.
Cun total de 60 equipos, o 1º curso de Bacharelato é o que máis inscricións rexistrou, seguido de 2º da ESO con 41 e 4º da ESO con 37. Por provincias, a de Pontevedra sitúase á cabeza en canto á procedencia das e dos centros participantes, cun 63% do total, seguida de a de A Coruña con case un 34%.
“Residualmente tamén temos algúns centros das provincias de Lugo e Ourense, pero son maioría os de Pontevedra e A Coruña que van tomar parte nesta competición, coa que buscamos que o alumnado, en especial as mozas, perdan o medo ás disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Art and Mathematics), sobre todo no caso dos estudos de enxeñaría, ao tempo que se achegan a coñecer a nosa escola”, explica Juan Pardo.
Tras tres edicións, o director da Escola de Enxeñería Industrial considera que boa parte do éxito de participación na competición de robots cómpre buscala no boca a boca que realizan os propios colexios entre si dun ano para outro, ao que se suma que por parte do centro tamén se incrementou a difusión da celebración do evento.
Superada a barreira dos mil participantes, a organización da competición está a considerar introducir algunhas modificacións respecto a anteriores edicións, “dunha banda, estudamos a posibilidade de habilitar algunha aulas para que alí as e os participantes poidan poñer a punto os seus robots e, da outra, pensamos en implantar algunhas melloras tecnolóxicas na medición dos tempos, para facelo dun xeito máis profesional”, explica o director do centro.
A competición de robots está organizada pola Escola de Enxeñería Industrial en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Enginieers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo.