A protesta tiña por obxectivo expresar novamente o rexeitamento á proposta de zonificación remitida pola Inspección Educativa e solicitar unha vez máis a paralización da súa tramitación e a apertura dun proceso de participación e consenso da comunidade educativa na elaboración do novo mapa escolar.
Os colectivos lembraron que o pasado 12 de xaneiro xa se mobilizaran diante do edificio autonómico e entregaran un escrito demandando que a proposta volvese ao seu punto de partida e se paralizase a súa tramitación.
Tamén solicitaran que o proceso de elaboración dunha nova proposta fose participativo, reflexivo, transparente e consensuado. “Na data de hoxe, 16 de febreiro, seguimos a esperar; a Administración proclama que o proceso, participativo, segue aberto; pero non existe tal proceso participativo”, denuncian.
O Consello Escolar segue sen recibir unha proposta
Ao mesmo tempo, critican que o Consello Escolar Municipal, órgano de consulta e participación da cidade de Vigo no que está representada toda a comunidade educativa, segue sen recibir, por parte da administración, unha proposta a debate.
Entenden que esa sería a canle de participación máis axeitada, posto que recolle as achegas dos diferentes sectores da comunidade. “O proceso non poderá ser participativo, reflexivo, transparente e consensuado se a Administración non se abre á participación, á reflexión, á transparencia e á procura do consenso global da comunidade educativa”, rematan.
A protesta prodúcese días antes da reunión prevista para o vindeiro mércores 21 de febreiro, na que a Xunta de Persoal Docente de Pontevedra abordará este asunto co xefe territorial da Consellería de Educación.