O xefe do goberno municipal, rodeado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente da entidade organizadora Social Ciclismo Fan Manager, Manuel Alonso, e representantes de patrocinadores privados (Coca-Cola, Zona Náutico), clubs ciclistas e Federación Galega de Ciclismo, explicou que a proba, co mesmo trazado que en 2017, é «unha marcha dura nunha ruta marabillosa, a Senda da Auga», que se inicia en Montero Ríos ás 9:00 horas e que levará á serpe multicolor por Redondela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes (encoro de Eiras).
Con tres opcións para as BTT (bicicletas de montaña) de medio fondo (42,2 quilómetros), fondo (64,4 kms.) e gran fondo (94,6 kms.), a edición deste ano bate récords de participación (654 inscritos). Para Caballero, débese á «importancia da proba», pero tamén a que «estamos asistindo a unha nova primaveira da bicicleta e do ciclismo. Estase empezando a converter nun transporte habitual e querémola así en Vigo, por iso os carrís bici, que xa empezamos a facer», sostivo.
José «Xagarós», coordinador da entidade promotora do evento, explicou que a proba será dura: «Levamos dous meses de inverno, sabemos que hai moita lama e ata no terreo cha será difícil rodar porque as rodas se afunden», pero valorou a consolidación desta marcha das bicicletas de BTT como «un reto persoal de cada participante».
A organización tamén ofrece durante toda a fin de semana, nas Avenidas, probas ciclistas de promoción para nenos e o domingo haberá dúas actuacións do grupo vigués Galirockers Crew, con bailarines de danzas urbanas que animarán ao público coa súa actividade denominada Cor&Dan (correr, andar e danzar), unha novidade dentro das actividades de animación previstas. Xagarós tamén aludiu ao apoio dos clubs ciclistas (CC Vigués, CC Teis, CC Coruxo, CC A Lamprea e CC Spol) e da Federación Galega.