As contas municipais, que ascenden a 8.173.010 euros, serán levadas ao pleno ordinario do próximo xoves 22 de febreiro. Vázquez Padín explicou que estas contas non están pensadas no curto prazo senón en sentar as bases para crear unha organización máis eficiente no concello. A contía increméntase en 500.000 euros con respecto aos de 2016, que están arestora prorrogados.
O rexedor destacou o esforzo investidor, que pasa dos 45.081 euros de 2016 aos 218.136 euros previstos para 2018. Destinaranse á sinalización do rural, adquisición de colectores de recollida selectiva, renovación das luminarias no conxunto histórico, a melloras no acceso ao Monte das Penizas e á posta en marcha dunha Plataforma de Participación Cidadá on-line, que era un dos puntos que recollida o acordo programático do goberno municipal.
O capítulo de persoal, que ascende a 3.638.291 euros baixa lixeiramente pola normativa estatal que marca redución nas aportacións á Seguridade Social, e porque o 1% de incremento salarial pasa a contabilizarse como Fondo de Continxencia. En persoal contemplan o paso de laboral a funcionario dunha praza de traballador social e outra de operario do punto limpo, a actualización da Relación de Postos de Traballo e a creación de tres prazas de intérprete de patrimonio, auxiliar de turismo e auxiliar da ARI.
No eido turístico destinaranse 18.000 euros á redacción dun Plan Director de Turismo que marque as liñas estratéxicas do turismo na cidade e serva de folla de ruta clara para actuar. Hai tamén unha aposta importante por Cultura e Deporte, e coma outra novidade histórica que por vez primeira se contempla unha partida específica (80.000 euros) para as festas de San Telmo e para o Pacto de Tui (30.000 euros) a celebrar no mes de xullo.
O presuposto tamén pretende sentar as bases para o futuro Plan de Emerxencias Municipal e recolle o incremento da partida para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (35.000 euros) e a creación dun programa de Prevención e Extinción de Incendios (5.000 euros).