O acto xirará en torno a campaña ‘Somos historias’, eixo comunicativo da promoción deste ano. Durante o evento daranse a coñecer os puntos fundamentais que se impulsarán ao longo do ano, “desde o patrimonio fortificado, representado por torres e castelos; ata o arqueolóxico, cos xacementos como abandeirados; o paisaxístico, dando a coñecer xardíns e miradoiros; o patrimonio literario, amosando unha provincia inspiradora de escritoras e escritores; o relixioso e espiritual, representado polos mosteiros, cemiterios singulares e a catedral de Tui; o inmaterial, con mitos, lendas e tradicións como embaixadores da provincia; o patrimonio natural, a través das nosas especies senlleiras, aves e espazos naturais; e o patrimonio etnográfico e cultural, representado polos museos, entre outras cuestións”.
Ademais, durante a gala entregaranse os distintivos de calidade turística SICTED ás empresas que o acadaron no ano 2017, un galardón que na provincia teñen xa 263 establecementos.
A presidenta da Deputación indicou tamén que “nesta gala dinámica e innovadora, desde a súa disposición, condución e actuacións, desvelaremos algunhas das novidades nas que estamos a traballar”. Entre outras cuestións, Silva adiantou que ao longo do 2018 “presentaremos o destino Pontevedra provincia antes da Semana Santa en Madrid e, proximamente, faremos o mesmo en Barcelona, outros puntos do Estado e nas cidades máis importantes de Portugal como Lisboa e Porto”.