O concelleiro desta área, Camilo Augusto, explicou que mediante esta iniciativa preténdese fomentar a conciencia cidadá e desenvolver hábitos que favorezan unha actitude responsable cara o coidado de mascotas.
Entre eses hábitos está que os cativos coñezan as responsabilidades que implica un animal e os seus coidados para unha tenencia responsable (identificación, esterilización, acudir regularmente ao veterinario…), que aprendan comportamentos cívicos como manter as rúas limpas e que se conciencien da problemática do abandono e aprendan como recoñecer e actuar ante un caso de abandono e maltrato”.
Tamén se lles expuxo a realidade das canceiras e dos animais que habitan nelas para conciencialos e promover a adopción de animais, así coma outros xeitos de axuda e colaboración como ser fogar de acollida, voluntariado, etc.
A iniciativa foi impartida por ‘A Casa Grande de Xanceda’, unha pequena granxa ecolóxica situada en Mesía, provincia de A Coruña, que conta con un programa chamado ‘Educando con Malibú’, unha cadela rescatada do abandono que agora se dedica a educar aos rapaces e rapazas dos centros educativos de Galicia para que sexan responsables coas súas mascotas e a traballar o comportamento cívico e a problemática do abandono. Os nenos e nenas participantes recibirán o diploma de ‘experto en animais felices’ ao remate da actividade.
Alumnos dos colexios Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos), Mestre Valverde Maio (Sanguiñeda), Petelos e Pena de Francia aprenderon todo o necesario sobre tenencia responsable de mascotas. Explicóuselles que decenas de animais no noso contorno, sofren o abandono por parte dos seus propietarios. Outros moitos conviven en fogares onde non se lles presta a adecuada atención.
Ademais, esta iniciativa pretende ensinar dun xeito práctico e divertido, a importancia que teñen os animais nas actividades diarias da nosa sociedade e a especial achega á mellora da calidade de vida que ofrecen algúns deles como os cans terapeutas, os de asistencia, os de busca e rescate, etc.