Durante o paseo literario coñecerase como era Vigo no século XIX e os cambios políticos e sociais que se produciron despois da Reconquista, e comprenderase o esforzo realizado por unha elite intelectual viguesa que se ofreceu á cultura visitando os lugares concretos que tiveron relación directa coa publicación de ‘Cantares Gallegos’.
O itinerario programado polo Concello inclúe os seguintes puntos de interese: Oliveira, Praza do Peñasco, Rúa Chao, Rúa Real, Imprenta de Compañel, Rúa Oliva, Biblioteca Juan Compañel, Praza da Constitución.
Durante ese traxecto, visitarase a Praza do Peñasco, onde se falará da importancia do movemento industrial, o desenvolvemento da burguesía, os cambios arquitectónicos producidos, etc.
Na Rúa Chao explicarase a relación da familia Chao coa cidade de Vigo e con Rosalía de Castro, e a importancia que tiveron os irmáns Chao para a cidade, especialmente Alejandro Chao.
A capitalidade e a imprenta
De seguido faranse dúas paradas na Rúa Real, onde se abordará o significado que tivo para Vigo ser capital de provincia e a súa relación coa chegada da imprenta e a relevancia cultural da cidade naquela época.
Diante da imprenta de Compañel se falará da Rosalía dos Cantares e xa na Rúa Oliva, visitarase o local onde estaba a imprenta de Faro de Vigo, local de Ángel Lema.
A Biblioteca Juan Compañel, sede do antigo Casino de Vigo, dará pé a tratar a figura do seu presidente, mecenas de Rosalía de Castro, que puxo os cartos para que existise a imprenta de Compañel en Vigo.
A última parada será na Praza da Constitución, onde se situaba a botica de José María Chao, e se falará do movemento cultural, social e político que se producía na rebotica.