O venres foron cinco as usuarias -con idades comprendidas entre os 27 e os 60 anos- que solicitaron apearse entre paradas nas zonas de Navia, Travesía de Vigo, avenida de Castelao e Urzaiz.
Mentres, o sábado foron seis as mulleres que solicitaron este servizo en zonas como Becerreira, Romil, avenida Atlántica, rúa Baiona, Travesía de Vigo ou Sanjurjo Badía. As idades destas usuarias oscilaron entre os 22 e os 50 anos.
As paradas a demanda comezaron a funcionar o pasado venres 16 de febreiro. Grazas a elas, basta con solicitar ao condutor do autobús o punto exacto de baixada e permanecer preto da porta dianteira do vehículo. Ademais, os propios empregados de Vitrasa están a informar proactivamente ás mulleres da posibilidade de usar o servizo no momento de subirse ao transporte público.