Non o fixen nunca, non vou negar agora a admiración que sinto polo único escritor galego que teño por mestre. Aplaudo e celebro o traballo de moita xente, compañeiras e compañeiros de profesión polos que sinto verdadeiro orgullo, pero honestamente sei que, fóra do meu entorno, eu nin sequera tería comezado a escribir, nin tan sequera a pensar en escribir, de non ser por Suso. Xa o teño contado moitas veces, como lector, a descuberta de Suso de Toro naquel treito final dos anos oitenta supuxo para toda aquela xeración de rapazada á que eu pertencía unha auténtica revelación. Caixón desastre, Tic-tac ou, sobre todo, Polaroid nos puxeron diante dunha evidencia absoluta: a constatación de que un xeito novo de facer as cousas era posible na expresión galega. Como escritor, boa parte do que son, do que conto e, sobre todo, do que pretendo (algo tan importante para un autor…) débollo a el. E sei que dicindo todo isto igual hai quen pense que a miña opinión non é obxectiva, que está moi condicionada pola miña posición. Pero, se o fago, en realidade non é máis que para garantir o feito de que se hai algo que poida dicir que coñezo ben é a obra de Suso de Toro. E é precisamente esa experiencia a que me avala para dicir sen temor a equivocarme que este libro, Fóra de si, é unha novela excelente.
«Fóra de s»i é unha viaxe, tensa e dolorosa, á redención de Ricardo Marzoa. As travesías ao fondo dese inferno que somos nós mesmos, na procura da identidade propia, algo moi característico do mellor Suso de Toro. E como se fai esa viaxe? Pois, como nas mellores expedicións, explorando. Teimando nas relacións familiares, tanto entre irmáns (os coñecidos e os descoñecidos), como entre pais e fillos. Unha historia esta que se lanza valente á terra, para escarvar nela coas mans espidas ata poñer ao descuberto as dores e as miserias do que supón ser o fillo dun pai, ser o pai dun fillo. Un libro que fala das grandes desesperanzas, da decepción permanente, da desilusión, da amargura… Pero tamén da redención. Algo tan característico do mellor Suso de Toro.
Por suposto, tecnicamente o libro tamén é unha marabilla. Unha composición sen narrador, que borda como poucos a oralidade na máis feroz das calmas, cunha tensión sempre a piques de saltar polos aires nun texto que, fragmentado, se disfraza por momentos de pura dramaturxia e nos coloca aí, nun escenario espido, acompañando ao médico e mais ao seu can na fonte, tentando chegar a casa antes de que se faga de noite. Ou no encontro baixo a choiva da rúa República de El Salvador coa de Alfredo Brañas. Porque esa é outra: a cidade e mais o campo, e ninguén como o de Compostela para seguir contándonos ese cruzamento, o do urbano co rural, ese espazo real, mesturado, confuso… Algo tan característico do mellor Suso de Toro.
Pero non todo é isto, que no libro hai moito máis. Hai un segredo. Hai unha morte (ou máis ben unha chea delas). Hai unha revelación. E hai, sobre todo, un final perfecto. Porque se é certo que toda obra non está completa sen un bo ramo, os bos libros son aínda mellores cando teñen un final á altura. E este libro teno. Imprescindible ese derradeiro capítulo… Contar tanto en tan pouco espazo, algo tan característico do mellor Suso de Toro.
Fóra de si, pois, non só é un libro excelente por si mesmo, á altura das súas mellores entregas, senón moito máis. Porque basta unha ollada rápida para comprender que o adn máis puramente “detoriano” volve estar presente neste novo libro, abranguendo un arco que percorre máis de trinta anos de traballo. Así, aí continúan as teimas e obsesións que dun xeito tan descarnado como maxistral navegara en Sete palabras, si. Pero tamén as dores das relacións brutais entre pais e fillos que con tanto talento debuxara en Trece badaladas; e mais as contas pendentes de Non volvas; e o sangue na noite de Calzados Lola; ou mesmo aqueles xogos de espellos entre irmáns que xa comezara a investigar naquel Land Rover de 1988.
Velaí queda, xa que logo, Fóra de si, o libro en que o autor máis influínte na literatura galega dos últimos trinta anos se revisa a si mesmo para se converter en algo novo: o Suso de Toro Total. Sorte a nosa de telo de volta…