Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, dende o inicio, a Deputación traballou para crear un concurso internacional que espertase interese de arquitectos, enxeñeiros ou equipas profesionais estranxeiras, publicando o anuncio incluso no Diario Oficial da Unión Europea e dándolle difusión a través dos colexios oficiais, que trasladaron a convocatoria aos seus homólogos doutros países. A intención era a mesma que persegue todo o proxecto ‘Visit_Rio_Minho’: atraer visitantes internacionais e que o territorio do Miño se converta nun punto de referencia coñecido alén das fronteiras.
A resposta ao concurso foi maior da esperada xa que os requisitos para presentarse foron duros: os aspirantes debían demostrar un amplo grao de coñecemento e unha traxectoria profesional destacada no ámbito do deseño estrutural e desenvolvemento de pontes ou pasarelas singulares, tendo realizado nos últimos 15 anos deseños e proxectos e direccións de obra de alo menos dous viadutos cun van superior a 75 metros. As esixencias, de feito, tiveron que ser suavizadas a petición dos colexios de arquitectos e enxeñeiros galegos e lusos co fin de abrir as posibilidades de presentación á xente moza.
Foi a unión temporal de empresas (UTE) formada por Álvaro Siza e a Sociedade GOP representada por Jorge Amorin Nunes da Silva a que acadou a maior puntuación co seu deseño, titulado ‘Raia’, sendo unha proposta integramente portuguesa.
No segunte lugar o xurado escolleu o deseño ‘Caminho do rio’, presentada por unha UTE de empresas viguesa (pola sociedade de Javier Zubia) e portuguesa (Paula Teles).
Finalmente, a terceira proposta finalista, ‘Una línea sobre el Miño’, chegou de dous gabinetes madrileños. Agora, estas tres propostas terán que ser desenvolvidas polos seus autores para despois, nun procedemento negociado, escoller a máis puntuada segundo criterios técnicos e económicos de forma oficial.Hai que lembrar que na reserva o cuarto posto foi para o deseño baixo o lema ‘Lazos’, chegado dende Valencia; o quinto para ‘Euroconverxencia Natural’, chegado dende unha sociedade creada por técnicos de Madrid, Alemania e Francia’; mentres que o sexto lugar foi para ‘Fado’, unha proposta integramente coruñesa.
“Sempre entendemos que dado o valor simbólico da ponte, tanto polas características ambientais da contorna como polos obxectivos estratéxicos que persegue -crear un espazo común a dous países-, era preciso darlle un carácter internacional, con profesionais españois, portugueses ou estranxeiros para acadar o mellor proxecto, polo que estamos satisfeitos do resultado”, explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza.