O Boletín Oficinal do Estado (BOE) vén de publicar o anuncio de licitación do contrato de servizos. Trala súa adxudicación, que terá lugar no mes de maio, a empresa disporá de sete meses para presentar a súa proposta, polo que con toda probabilidade a final de ano contarase cos proxectos para posteriormente licitar as obras.
As obras de mellora e ampliación da capacidade da depuradora da Moscadeira e de mellora da rede de saneamento no núcleo urbano e o seu entorno serán financiadas pola Confederación Hidrográfica como mínimo nun 60% do seu coste con cargo ao programa europeo de Crecemento Sostible 2014-2020, tal como recolle nas súas previsións de investimentos con cargo ao citado fondo da Unión Europea.
O alcalde Xosé Represas quixo recoñecer o compromiso do presidente da Confederación, Francisco Marín Muñoz, para solucionar este grave problema incluíndo esta actuación como unha das súas prioridades. “A ampliación da capacidade da depuradora máis que unha prioridade foi case unha obsesión persoal nos últimos dous anos. Este é o resultado da iniciativa mais tamén do entendemento con outras administracións para traballar conxuntamente”, manifestou o rexedor en referencia ás reunións de traballo mantidas con Marín e co director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez.
O alcalde tamén explicou que a EDAR situada na Moscadeira dispón dunhas instalacións que dende hai décadas resultan insuficientes para tratar o caudal que recibe. Para superar esta limitación da capacidade o estudo contempla propoñer alternativas e redactar os proxectos para a mellora do saneamento no casco urbano e aglomeracións limítrofes de Ponteareas e da depuradora.
Estudo previo
Así, realizarase unha análise da situación da rede de saneamento e de caudais de augas claras no núcleo urbano. Tamén se fixará a atención nas filtracións que non deben ir á actual depuradora e teñen que ser encauzadas ao río Tea.
Este estudo permitirá dispor dunha completa información da rede de saneamento urbano da que se carece con planos xeoreferenciados nos que se indiquen arquetas, trazados, cotas, pendentes, materiais, conexión entre os diversos elementos tanto pluviais como fecais ou mixtas. O estudio plantexará solucións a corto prazo para a separación de augas que non deben ir ao saneamento.
A depuradora existente foi construída no ano 1989 e no 2010 realizouse unha actuación menor de mellora do pretratamento pero xa nese momento a instalación recibía un caudal moi superior ao que podía tratar.