Durante a clausura da exposición «Pergamiño Vindel: Un tesouro en sete cantigas», Feijóo aseverou que, no marco desta mostra, a sociedade «viguesa e a galega no seu conxunto, os centros educativos, e os investigadores coñecemos mellor, e máis de preto, un documento clave da nosa historia como pobo».
Ao respecto, resaltou as máis de 50.000 visitas, os máis de 18.000 participantes na programación complementaria ao abeiro desta exposición, e os 400 centros educativos que acudiron a vela.
Así mesmo, e entre as razóns que lle dan un valor histórico a estes seis meses compartidos co Pergamiño Vindel na súa terra, o titular do Executivo galego salientou que con esta mostra os galegos fomos quen de recordar que Galicia é unha terra aberta e de sentir xuntos o que fomos quen de construír colectivamente ao longo dos séculos. “E, en terceiro lugar, ten un valor histórico porque o Pergamiño Vindel nos conecta internacionalmente e proxecta a nosa creación cultural cara os lugares máis importantes do mundo”, engadiu.
Nesta mesma liña, incidiu en que as cantigas serven para que “o novo mundo, representado pola urbe máis cosmopolita, coñeza unha parte do vello, representado por un trobeiro de Galicia”.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención agradecendo o traballo da Morgan Library, da Universidade de Vigo, do comisario da exposición, dos profesionais do Museo do Mar de Galicia e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, expresando o seu convencemento de que “a despedida ao embaixador Vindel é un deica logo”.