Á visita guiada polo Concello de Mos asistiron 18 fillos das traballadoras dos diferentes departamentos municipais, que coñeceron de primeira man o labor e a valía profesional das súas nais. Na administración local mosense, en oficinas, traballan un 80 por cento de mulleres.
Ademais, hai unha grande presencia de mulleres nos postos de maior relevancia. A maioría dos departamentos están dirixidos por unha muller ou contan cunha técnico de alta responsabilidade entre os seus traballadores. Comezando pola secretaria municipal, que é unha muller, e continuando pola interventora, a tesoureira, a xefa de Persoal, a enxeñeira do departamento de Urbanismo, a aparelladora, a responsable do departamento de Servizos Sociais, a psicóloga, a orientadora laboral, a axente de emprego e coordinadora da Axencia de Colocación, a encargada do Arquivo e da Biblioteca Municipal, a encargada do Padrón e do Rexistro Municipal e unha policía local.
As representantes municipais declararon este 8 de marzo sentirse “moi orgullosas de tódalas traballadoras da administración local e de ser un Concello con tan elevada presenza feminina en postos de responsabilidade, que se atopa á cabeza dos municipios da provincia neste sentido”.
Previo ao manifesto municipal, as usuarias do Centro Ocupacional de EVD Galicia fixeron o seu propio, reivindicando o papel da muller con discapacidade na sociedade actual.
A rexedora local, Nidia Arévalo, comezou a lectura destacando que “nunha xornada tan significativa coma a de hoxe é obrigada e necesaria unha reflexión sobre o papel da muller na sociedade actual. Ademais de reflexionar, con este manifesto queremos homenaxear a tódalas mulleres veciñas e traballadoras do Concello de Mos. Quixera centrar as miñas palabras na fortaleza e na valía da muller de hoxe en día: calquera muller pode facer e conseguir o que se propoña ó marxe da súa idade, condición social, nivel de estudios, profesión, poder adquisitivo, características físicas e intelectuais. Calquera muller, sexa como sexa e teña as condicións vitais que teña, pode alcanzar a meta que se marque á base da capacidade de esforzo e dedicación que nos caracterizan ó xénero feminino. As mulleres de Mos en particular somos un claro exemplo de esforzo e superación e de que logramos o que nos propomos. A poboación feminina mosense tivo, ten e terá un peso e importancia especiais no desenvolvemento cultural, deportivo, social e económico da nosa localidade”.