O HackForGood 2018 botou a andar este xoves e, ata o sábado, as e os participantes na sede viguesa traballarán arreo na procura de solucións tecnolóxicas innovadoras. Este hackatón celébrase simultaneamente en 20 universidades españolas organizado por Telefónica, Hazloposible e Mashme, e reúne preto de 1500 universitarias e universitarios en todo o territorio estatal.
A edición viguesa, organizada ao abeiro da Cátedra Telefónica, foi inaugurada este venres polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. En total participan 80 estudantes de diferentes eidos do coñecemento, 60% homes e 40% mulleres, que traballarán estes tres días divididos en 17 grupos. Cada equipo escollerá un dos 200 retos presentados por entidades, asociacións e particulares e tratará de darlle solución. Deste xeito traballarán en temas como a detección de incendios, a atención a nenas e nenos autistas, a mobilidade de persoas invidentes, a accesibilidade… Nesta edición prestarase especial atención ás solucións baseadas no internet das cousas e os obxectos conectados, a industria 4.0 e o big data.
No acto de apertura deste venres, o reitor explicou que un evento como este “axúdanos a ser mellor universidade, sómolo cando lle damos oportunidades innovadoras, complementarias e enriquecedoras como esta ao noso alumnado”. Mato puxo tamén en valor este tipo de experiencias, “de grande importancia para a formación do alumnado porque apostan polo traballo colaborativo, a cooperación intelixente e a creatividade pero baixo presión dun tempo limitado”. Pola súa banda, a responsable de Telefónica destacou se trata dunha iniciativa apaixonante e lembrou aos participantes que teñen “a sorte de estar nunha das universidades que imprimen un maior dinamismo e participación entre os seus estudantes e iso é algo que vos levaredes para toda a vida”. Destacou tamén as importantes achegas da Cátedra Telefónica e remarcou que “un dos méritos desta iniciativa é que permite transmitir á sociedade que os hackers bos son persoas próximas que fan cousas pola sociedade, obtendo solucións tecnolóxicas en eidos como o turismo ou a sanidade, ou na procura de romper a fenda dixital ou acabar coa discriminación”.
Tres exemplos de tecnoloxía social
Elena Guerra, Ángela Lomba, Carmen García e Juan Chaves conforman un dos grupos que participan nesta edición do HackForGood e estudan Enxeñaría en Tecnoloxías da Telecomunicación. O seu proxecto céntrano nas nenas e nenos autista e consiste no deseño dun software que, empregando cámaras infravermellas capaces de seguir o patrón da mirada, “axudará a determinar a que elementos visuais lles prestan máis atención ” explica Elena Guerra. Deste xeito, “conseguirase unha mellor diagnose e poderase empregar, tamén, para a avaliación da evolución dos pacientes”.
Outros dos grupos está composto tamén por estudantes de Telecomunicación. Olalla Sánchez, Manuel Rei, Xián Ramiro, Iago González e Sara Cela pretenden que as persoas invidentes non teñan que depender de que se invista en semáforos con son para poder cruzar con tranquilidade os pasos de peóns. Para iso traballan na creación dunhas gafas con procesadores de imaxes que avisarán, mediante un sistema de vibración, cando o semáforo permita pasar.
A pegada dos incendios do 15 de outubro latexa no proxecto de Carmen Visa, Marcos Martínez, Carlos Granda e Ángel Iglesias, estudantes tamén de Enxeñería en Tecnoloxías da Telecomunicación. A súa proposta céntrase na prevención de lumes a través dun sistema de sensores distribuídos polo monte que recollerán os niveis de temperatura e humidade, indicadores dos terreos máis susceptibles de sufrir incendios. “Está pensando para que soamente o poidan utilizar os bombeiros e os brigadistas” e avisará aos corpos de seguridade con máis precisión, impedindo ao mesmo tempo, “a circulación de noticias falsas, ao estar a información controlada por eles mesmos”.
60.000 euros en premios xerais e 3500 en Vigo
Ademais dos 60.000 euros en premios da convocatoria xeral, na edición viguesa os participantes poderán optar a premios locais de 1000€, 600€ e 400€ e premios temáticos de 500€ á innovación social concedido polo Consello Social, á innovación enerxética patrocinado pola Cátedra Telefónica e ao desenvolvemento sostible, da man da Oficina de Medio Ambiente.
A nivel global, outórganse os premios HackForGood Big Day cun total de 12.000€ de contía para poñer en valor os proxectos que teñan continuidade e os premios HackForGood Global ás mellores solucións tecnolóxicas en cada sede dotados de 20.000€ para os tres mellores premios proxectos globais. Tamén se outorgarán dous premios LUCA aos mellores proxectos sobre a preparación ante o cambio climático en Latinoamérica e sobre a calidade do aire nas cidades, así como bolsas de estudo nas universidades Politécnica de Madrid e Internacional da Rioja e a posibilidade de incorporarse aos programas Think Big de emprendemento social e dixital da Fundación Telefónica e os espazos de coworking de Telefónica Open Future en toda España. En todos os casos, os xurados valorarán o impacto e a importancia do problema solucionado, a creatividade e a innovación e o grao de acabado conseguido. Os premiados coñeceranse este sábado.
Nas pasadas edicións os proxectos gañadores na sede viguesa acadaron tamén moi bos resultados na clasificación global. Exemplo disto é Learnfordown, primeiro premio en Vigo e segundo estatal, polo desenvolvemento dun sistema para que as persoas con Síndrome de Down aprendan a ler e a escribir. Para iso crearon unha App Android, un sistema hardware e un sistema de motorización mediante unha interfaz web.