Na presentación oficial da proba, este mércores -último día de inscrición na mesma-, Fredi Velasco, un dos seus organizadores, adiantou que a carreira romperá, de novo, co seu teito de participantes e confirmará que se trata dunha das citas máis importantes, tanto en Galicia coma no conxunto de España.
Por cuarto ano, a proba está homologada pola Federación Española de Atletismo, “o que supón que as marcas que se obteñan nela estarán rexistradas a nivel nacional e internacional”; nunha edición máis haberá un circuíto de 5 quilómetros, “aberto ao todo o público co fin de facilitar que queira poida achegarse a esta modalidade”-que este ano verá aumentado o número de corredores en máis dun 25%- e, tamén de novo, haberá unha representación de nenos de menos de 4 anos, “200 en total”, que participarán nas modalidades de ‘Pitufos’ e ‘Chupetes’.
Como xa é tradicional, a Interrunning colabora con SOS Porriño. Hai que lembrar que o ano pasado lograra catro toneladas de alimentos non perecedoiros e que neste 2018 pide aos participantes que leven un quilo de produtos de alimentación, especialmente azucre, aceite, leite e cacao.
Coma novidade deste ano, a Interrunning será transmitida en directo por streaming e os locais do Porriño poñerán nas súas pantallas a carreira para que os seus clientes poidan seguir a mesma comodamente.
O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, salientou a importancia que ten a Interrunning e o feito de que o traballo que comezaron hai xa doce anos un grupo de xoves apaixonados polo exercicio físico, sexa hoxe “un exemplo para todos os que amamos o deporte en todas as súas modalidades”.
A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, lembrou que probas como esta “poñen ao Porriño no mapa, tanto no de Galicia coma no nacional” e amosan, dunha banda, o dinamismo e forza do Porriño e, doutra, “que o deporte e os valores que transmiten son esenciais para a formación das persoas”.
Os horarios de competición se abrirán ás 10 da mañá coa saída, dende Domingo Bueno dos “Chupetes” –nenas e nenos nados dende 2014-e cadetes –dos anos 2003 e 2004-, que percorrerán distintas distancias; os atletas das restantes categorías, dende xuvenil-nados en 2001 e 2002-, júnior -1999 e 2000-, Promesa -1996, 1997 e 1998-, ademáis de sénior e veteráns -dende 35 anos- e superveteráns –máis de 46 anos- empezarán a súa proba, na mesma rúa Domingo Bueno, ao redor das 12 menos vinte.
Os dorsais pódense retirar en Intersport Porriño o vindeiro sábado dende as 10 da mañá ás 8 da tarde, ou o mesmo domingo, día da carreira, de 9 a 11 da mañá, na saída.