Este é o grande obxectivo co que nace Cyprian, CYbersecurity, PRIvacy and Anonymity Lab , un laboratorio conxunto posto en marcha entre a Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, unha entidade que non terá sede física como tal pero que facilitará a realización conxunta de proxectos de investigación e teses de doutoramento, as tarefas de asesoramento, a interacción co tecido industrial e outras partes interesadas, as estancias cruzadas de persoal e a posibilidade de compartir equipamentos, entre outras cuestións.
Ambas institucións asinaron este luns o acordo marco de colaboración que vai permitir a posta en marcha deste novo laboratorio, así como moitas outras colaboracións que xa se viña realizando e ás que agora se lle dá un maior amparo legal. “É un paraugas que abriga todo o que estamos facendo e todo o que imos facer no futuro”, explicou o reitor, Salustiano Mato, ao tempo que fixo fincapé en que a sinatura do convenio chega nun momento “de clara madurez” para Gradiant, “cando xa é unha peza importante do ecosistema de innovación galego” e a idea é dotar a relación entre ambas institucións “dunha perspectiva a medio e longo prazo”.
Por parte de Gradiant, asinou o acordo o presidente do padroado, o ex-reitor Domingo Docampo, docente e investigador da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, centro no que se xestou o nacemento de Gradiant e onde tivo a súa primeira sede física, previamente a instalarse en Citexvi. “Gradiant é o sostén do sector produtivo e ten que beber nas fontes do coñecemento e, neste senso, a universidade en xeral, e a de Vigo en particular, é unha auténtica factoría de coñecementos”, explicou o presidente do padroado de Gradiant, quen insistiu en que “levamos anos traballando xuntos pero a sinatura do convenio dálle forma e permitiranos seguir avanzando para acudir xuntos a retos de maior envergadura”.
Alianza estratéxica
Xunto a Mato e Docampo a sinatura do acordo marco de colaboración contou coa participación do director xeral de Gradiant, Luis Pérez, así como o director de atlanTTic, o profesor Carlos Mosquera, e a comisionada do reitor para o Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo. Pérez foi precisamente o encargado de explicar os detalles dun acordo marco que dá un novo impulso a unha relación de traballo que xurde desde os mesmos inicios de Gradiant, tal e como destacaron todos os participantes na presentación. “Gradiant naceu pegado á Universidade de Vigo e seguiu sempre mantendo esa relación coa Universidade, algo lóxico porque a Universidade é fonte de coñecemento e de talento e nós estamos máis pegados á realidade industrial, pero para ser capaces de achegar tecnoloxía innovadora ao mercado temos que estar en contacto permanente coas innovacións que teñen orixe no talento universitario”, explicou o director xeral de Gradiant.
A ciberseguridade e o procesado seguro da información é un liña na que ambas institucións levan anos colaborando e agora, simplemente, o que se fará será darlle unha forma máis institucional a todo isto e, deste xeito, facilitar que a planificación de futuro desta liña sexa xa nun marco estratéxico e conxunto coa Universidade. Desta maneira ese pé que Gradiant ten na realidade industrial poderá tamén funcionar de guía para as novas investigacións que se xeren nos laboratorios da Universidade. “A idea é facilitar esa transferencia de coñecemento desde os laboratorios da Universidade de Vigo a realidade industrial”, recalcou o director xeral de Gradiant.
“Cando falamos de ciberseguridade estamos a falar agora mesmo dalgo que xa leva aí moito tempo, xa que desde que as TIC son TIC sempre preocuparon estes temas e isto foi a máis nos últimos anos coa dixitalización, a irrupción da industria 4.0, a internet das cousas… Trátase de ser capaces de procesar e competir a información dun xeito seguro”, explicou Pérez.
Ciberseguridade, punto forte do Vigo Tecnolóxico
“Os contidos da investigación e da innovación que se fan en Gradiant están absolutamente aliñados coa estratexia da Universidade de Vigo e, máis concretamente, do noso campus de especialización, o Vigo Tecnolóxico”, explicou o reitor vigués. “A través de Gradiant conseguimos que o coñecemento que se xera nos nosos laboratorios chegue á realidade social, non só ao tecido empresarial, senón tamén ao día a día das persoas e esta é a forma que entendemos, a través da transferencia de coñecemento, de facer músculo na sociedade na que vivimos e ser un auténtico axente de desenvolvemento económico”, recalcou Mato, quen lembrou que a Universidade conta xa cunha Cátedra Deloitte de Ciberseguridade, ten como centro adscrito o Centro Universitario da Defensa e que o vindeiro curso comezará tamén a impartirse na Universidade de Vigo un máster especializado en ciberseguridade.
“Unha das áreas de investigación máis fortes de atlanTTic é precisamente a da ciberseguridade, é un ámbito que xa deu como froito varias patentes”, explicou Carlos Mosquera desde attlanTTic, o centro que agrupa a investigación en TIC da Universidade de Vigo.