A novela discorre por rúas e edificios desta zona viguesa, hoxe centro de negocios e comercial, símbolo de postmodernidade e globalización. A autora, ademais de ambientar a súa historia nesta zona da cidade, trasládanos a un tempo futuro, pode que non moi afastado, que describe e anticipa onde nos pode levar o modelo de sociedade que estamos a construír.
Os recordos da súa familia farán que Xocas, un adolescente sobranceiro en matemáticas, loite por saír adiante nunha contorna hostil nun Vigo tomado e controlado, onde o ensanche e os seus edificios e museos son os escenarios da trama.
A novela forma parte das historias que baixo o título de ‘Historias para coñecermos Vigo’ foron publicadas no pasado ano pola editorial Elvira baixo a coordinación da asociación Catro Patacos.
A ruta
A saída do paseo terá lugar dende a cafetería Detrás do Marco, situada na rúa Londres, ás 11.00 horas. O percorrido durará aproximadamente dúas horas e media e pasará por Príncipe-Porta do Sol, baixada pola rúa de Carral, Alameda, rúa do Areal ata o edificio Bonín, rúa do Porto ata o edificio Curvera en García Barbón, rúa de Uruguai polas escaleiras de Santiago de Vigo, República Arxentina ata o edificio Polar en Urzaiz, Colón ata Marqués de Valladares, Reconquista ata Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse en horario de 09.00 a 14.30 horas no teléfono 986 810 281.