Diferentes autoras e autores con relevancia hoxe no ámbito literario galego pasaron por estes premios e, como cada ano, volverase contar coa implicación e colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e da editorial Xerais, que será a encargada de publicar un libro cos traballos gañadores.
Os interesados en participar e aspirar así a formar parte deste elenco de persoas galardoadas dispoñen ata o día 30 de marzo para presentar os seus traballos nas tres modalidades, abertas a toda a comunidade universitaria, agás na categoría de tradución literaria, pechada ao profesorado das titulacións deste ámbito e da filoloxía.
O xurado, presidido polo reitor e integrado por persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da creación poética e narrativa, da crítica literaria e da tradución, outorgará un premio de 700 euros e dous accésit de 250 euros en cada unha das modalidades, 3.600 euros en total.
Os textos, de temática libre, deberán ser orixinais, non premiados nin publicados noutros premios nin certames e, por suposto, a lingua empregada para a súa elaboración terá que ser o galego.
Regras do concurso
Toda competición, incluso as literarias, teñen unha serie de normas e, neste caso, as bases dos Premios 2018 de poesía, relato curto e tradución literaria establecen que, ademais de certos criterios estilísticos e ortotipográficos, a identidade dos e das autoras suporá un misterio ata o final, pois as e os creadores asinarán baixo un alcume, que figurará no sobre no que se recollan as cinco copias necesarias dos textos.
Igualmente, a extensión dos traballos comprenderá entre un mínimo de 100 versos e un máximo de 150 para as obras poéticas e un mínimo de 8 folios e un máximo de 12 para os relatos curtos.
No caso das traducións, a obra literaria de base poderá estar en calquera idioma e deberase axustar a un mínimo de 8 páxinas e a un máximo de 20.
Con sons do mar e paixón polas letras
Na convocatoria de 2017, o xurado premiou a Genaro Dasilva polo seu poemario ‘Hadewijch’ e os accésits foron para Tamara Andrés e Paulo Vilar, con ‘Recuperar as mans’ e ‘Nas ribeiras dos finiesterraes’, respectivamente.
No tocante aos relatos curtos, o texto ‘Misións’, de Lidia Dosil, conseguiu o primeiro premio e ‘Contacontos cotiáns’, de Xosé Sobral, e Cortiza branca, de Antía Iglesias, recoñecéronse cos accésit.
A tradución dun texto do escritor Raymond Carver, realizada por Manuel Arca, foi o gañador da súa modalidade e os traballos de Moncho Iglesias e Hadrán Pérez conseguiron o segundo nivel de recoñecemento.
Ledicia Costas e Isaac Fernández, premiados en edicións anteriores
Ledicia Costas ou Isaac Fernández ‘Xubín’ son só algúns dos persoeiros que foron recoñecidos no seu día neste certame de literatura en galego. No caso de Costas, escritora galega e licenciada en Dereito pola Universidade, recibiu o primeiro premio na modalidade de poesía no 2007 e, tres anos máis tarde, o mesmo recoñecemento na de relato.
En canto ao filólogo Isaac Fernández, galardoado nas edicións do 2002, 2004 e 2006, ten publicado poemarios e obras de narrativa curta, ademais de posuír outros galardóns do ámbito literario.