Representantes deste colectivo reunironse este mércores no salón de sesións do Concello de Mos coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de mobilidade, Julia Loureiro, para solicitar o apoio desta administración local. Nese encontro presentaron a súa moción para que se leve a aprobación na sesión que terá lugar o vindeiro 2 de abril.
Os membros da plataforma, que veñen de entregar 4.500 sinaturas a favor da súa causa perante a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo, tachan a medida de “discriminatoria, insolidaria e antisocial”, ademais dun “ataque directo” ás persoas con menos recursos e insisten en que é “ilegal” e “contraria aos principios esenciais de convivencia”.
Pola súa banda, Arévalo insiste en que “o criterio de empadroamento como condición para poder desfrutar de tarifa bonificada no servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros vulnera o principio de igualdade establecido no artigo 14 da Constitución Española”.
Trátase polo tanto esta medida dunha “acción anticonstitucional e ilegal a todas luces” tal e como expresa Arévalo, rexedora local mosense, quen considera que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, “sendo o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias ten que dar exemplo e respectar a legalidade, e non poñer en marcha medidas discriminatorias no transporte da súa cidade”.
Medidas que ademais son contradictorias cando o propio Concello de Vigo está a subvencionar con millóns de euros voos para o aeroporto de Peinador que pode coller calquera persoa de calquera parte do mundo e a tarxeta universitaria da Universidade de Vigo, que tamén permite bonificacións no tranporte público.
Asamblea informativa
Ademais, a Plataforma Pass Área convocou en Mos unha asamblea informativa sobre a retirada da Tarxeta Verde do Vitrasa, que se celebrará este venres ás 20.00 horas no auditorio do Multiusos das Pozas.
A xuntanza é aberta a todos interesados en asistir e dende a Plataforma solicitan a máxima participación veciñal posible.