Ademais, o Concello porá a disposición de catro usuarios do C.E.E Juan María o seu equipamento deportivo adaptado para que poidan participar na proba. Así, será o propio alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado polo edil de Deportes, Luis Sanromán, e o policía local Fernando Molares, quen manexen os vehículos adquiridos polo Concello o ano pasado.
Nigrán investiu a través da Deputación de Pontevedra 18.634 euros na adquisición de equipamento deportivo adaptado para o uso das persoas con discapacidade. Estes catro vehículos a pedal están no Pavillón Municipal de Panxón a disposición de todas aquelas persoas con discapacidade e voluntarios que as soliciten.
Un dos que mellor as manexa é o policía local Fernando Molares, monitor de DisCamino (proxecto que naceu para unir Discapacidade e Camiño de Santiago axudando a estas persoas a cumplir o seu soño de chegar a Santiago), quen dedica o seu tempo libre a colaborar levando como pasaxeiros a usuarios do centro Juan María.