As festas, segundo explicou o alcalde, Carlos Vázquez Padín, terán un carácter máis rueiro buscando aproveitar os lugares que ten a cidade para acoller distintos actos. Coma exemplo citou que a lectura do pregón, que marca o inicio oficial das festas, terá lugar este ano na praza de San Fernando, onde o mestre Antón Corral será o pregoeiro, e actuará a Banda de Gaitas Xarabal, que creou e dirixiu. Os xigantes e cabezudos desfilarán na primeira xornada festiva xunto ao grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro, e será acendido o alumeado das festas.
Salientou tamén Carlos Vázquez Padín, que as festas -que terán un orzamento superior aos 100 mil euros, pero inferior o das festas de 2017- serán equilibradas e terán un toque diferenciador coa Festa do Meixón que se celebra en 5 restaurantes ata o 9 de abril.
O domingo 31 a charanga Cantos Somos, a Banda de Música Popular e a orquestra Miramar porán a nota musical, mentres que os grupos Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, baile e gaitas da da Asociación do Traxe Tradicional de Tui, Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns, serán os protagonistas do Festival Folclórico que se celebrará no Teatro Municipal dende as 18:00.
Actividades infantís
Do luns 2 ao venres 6 os nenos e nenas terán actividades específicas para eles, coas que se busca ofrecerlles unha alternativa de lecer durante as vacacións e escolares e contribuír á conciliación familiar. Así polas mañá de 11:00 a 13:00 na Área Panorámica haberá actividades infantís da man de Chirlomirlo, e pola tarde na Sala Félix Rodríguez ás 16:00 proxectarase unha película de cinema. En ambos casos non é preciso inscribirse previamente, son actividades con entrada libre até completar a capacidade do local.
X Semana de Teatro Afeccionado e música coral
A Semana de Teatro Afeccionado celebrará a súa décima edición do luns 2 ao sábado 7 no Teatro Municipal de Tui onde os grupos Mesturanzas de Areas, Santiago de Malvas, Aloia de Pazos de Reis, San Fins de Rebordáns, e Atalaia do Centro Sociomomunitario de Tui presentarán as súas últimas montaxes, en moitos casos en estrea. Amaias as tres corais de Tui do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo no centro Amoralia e nas Residencias San Telmo e Paz y Bien.
O deporte tamén será protagonista nas festas
O mércores 4 será o día do deporte con actividades de bádminton, judo, tenis de mesa e xadrez no Paseo da Corredoira de 11:00 a 14:00, e con tenis de mesa ás 16 e patinaxe ás 18:00 amais de estar prevista unha exhibición de kaiak polo e de slalom na piscina municipal dende ás 16:00 e a partir das 20:30 haberá partidos exhibición de pádel nas pistas do Liceo Casino.
Amais coma novidade no ámbito deportivo a Carreira Popular de San Telmo celebrarase este ano o sábado 7 dende ás 11:00 no Paseo da Corredoira baixo a organización do Club Atletismo Tui, previamente ás 10:00 sairá tamén da Corredoira a Andaina Festas de San Telmo organizada polo club AndaTui. Se incorpora amais no programa a Epic Race de BTT que percorrerá o paseo fluvial dende ás 7:00 da madrugada do sábado ás 9:00 da mañá do domingo. A Copa San Telmo na que se enfrontará o Tyde F.C. e o S.C. Valenciano, e a III Clásica Manuel Alfaro de coches clásico son outras das actividades previstas para o sábado. Mentres está pendente de confirmarse se finalmente o luns de San Telmo haberá partido de fútbol entre o R.C. Celta e un equipo de primeira división de Portugal, xa que polo momento non hai rival para o equipo vigués.
Broken Peach, la Edad del Oro del Pop Español, Kubo e Panorama
Son dous os concertos previstos este ano nas festas. Por unha banda o venres 6 ás 23:30 actuará no Paseo da Corredoira o grupo Broken Pech, unha banda de soul e rock formada en 2009 que presenta uns directos cunha coidada estética e un amplo repertorio. Previamente actuará dj Gramola.
O domingo 8 ás 22:30 chegará á rúa Compostela o concerto “La Edad del Oro del Pop Español” no que o público poderá disfrutar cos grandes clásicos do pop nacional da man de Pablo Perea (La Trampa), Alberto Comesaña (Amistades Peligrosas), Joaquín Padilla (Iguana Tango), e Chus Herranz.
A orquestra Kubo presentará en Tui o maior escenario de Europa de máis de 27 metros nunha actuación prevista na noite do sábado 7 na rúa Compostela. Neste mesmo lugar actuará o luns 9 a orquestra Panorama. O cartel das verbenas o completan Miramar, Solara, e Pontevedra. No eido musical se celebrará tamén o festival de Karaoke o venres dende as 19:00 no Paseo da Corredoira.
Food Trucks e Festa do Meixón na oferta gastronómica
Amais da Festa do Meixón que este sábado comeza en 5 restaurantes o venres 6 está previsto un mercado de Food Truck no Paseo da Corredoira no que o público que se achegue poderá degustar distintas variedades gastronómicas.
O luns 9 – Día de San Telmo
As festas na honra a San Telmo pecharanse o luns 9 de abril, xornada na que dende primeira hora se celebrará a Feira Cabalar en San Bartolomé, onde amais da compra venda de gando tamén haberá distintas exhibicións previstas.
A charanga Cantos Somos e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, serán as encargadas da música na última xornada de festa, onde tamén estará presente a Banda de Guerra da Brilat. Os actos relixiosos comezarán xa pola mañá coa misa na honra a San Telmo e a procesión pola Coronilla, e pecharanse ás 21:00 coa solemne procesión que percorrerá as principais rúas da cidade. A tirada de fogos de artificio marcará o peche das festas.