As visitas, de hora e media de duración, divídense en dous horarios diferentes, comezando unha ás 09:15 horas e outra ás 11:30 horas. Un autobús da compañía recolle aos nenos nos seus centros escolares e trasládaos ata Vitrasa, onde a visita comeza cunha volta en bus pola explanada das instalacións.
En todo momento, os rapaces están acompañados por persoal da concesionaria co fin de poder explicarlles de primeira man o funcionamento do transporte público.
Desde os talleres a oficina do SAE
Durante o percorrido, os escolares coñecen a gasolineira, onde os autobuses fan a reposición diaria e se contabilizan os datos da máquina billeteira. A continuación, son guiados ata o tren de lavado.
Os cativos tamén coñecen o funcionamento da Pass Vigo, a nova tarxeta que a partir do 15 de abril substituirá á Tarxeta Verde e coa que se poderá acceder ao servizo de transporte público municipal, coas vantaxes da anterior tarxeta pero cunha maior rapidez, procedementos máis sinxelos para os trámites, facilidade de recarga e moito mais.
O seguinte punto do percorrido pasa pola zona do taller, onde os nenos poden ver como é a zona de pintura, os fosos ou os colectores para os refugallos xerados pola empresa. A continuación, coñecen a sala de recadación onde os condutores entregan a cantidade acumulada ao longo do día e noutra sala explícaselles o funcionamento do Sistema de Axuda á Explotación (SAE). Este sistema permite coñecer en tempo real a localización de calquera vehículo da flota de Vitrasa nas rúas da cidade de Vigo.
Finalmente, durante a última parte da visita os alumnos poden observar a evolución dos autobuses da compañía e da propia cidade a través da colección de fotografías que a concesionaria posúe.