Aínda que se barallaron outras opcións, finalmente será a empresa concesionaria, que é a beneficiara dos cartos que cada usuario gasta no autobús público, a que devolva os importes sobrantes. Así, os non empadroados na cidade olívica deberán desprazarse ata a parroquia de San Andrés de Comesaña desde o luns 16 de abril se queren recuperar o saldo restante da tarxeta.
Moito máis fácil o terán os titulares da nova Pass Vigo, que poderán traspasar o montante do que dispoñan na Tarxeta Verde en calquera caixeiro de Abanca mediante un sinxelo proceso que apenas tarda un par de minutos. Este mecanismo leva habilitado desde o pasado 12 de marzo e permanecerá dispoñible de xeito indefinido, tamén despois do 15 de abril.
Entre ese 12 de marzo e o pasado 4 de abril xa se realizaron 11.000 operacións de traspaso de saldo á Pass Vigo, por un importe próximo aos 63.000 euros.
As novas tarxetas xa son maioría no autobús urbano vigués. O pasado mércores, o 73% das empregadas para pagar no Vitrasa foron Pass Vigo. O Concello ten repartido 118.000 unidades, das que máis de 55.000 están operativas. Do total, 78.000 son ordinarias, 8.600 son de estudantes, 5.400 son universitarias e 25.000 son de pensionistas.
Outros usos
O pago con tarxeta no autobús urbano vigués é o primeiro uso habilitado do novo dispositivo cidadá, que prevé incorporar outros de carácter deportivo, cultural ou administrativo.
O Concello celebra xa reunións técnicas para ampliar a súa utilidade, por exemplo como método de pagamento nos taxis da cidade.