Na concentración enumeráronse os diversos problemas e carencias do transporte público colectivo en Gondomar e reclamáronse solucións por parte dos gobernos do Concello e da Xunta e das empresas concesionarias das liñas de transporte interurbano que realizan o servizo, ATSA e Metytour, como partes implicadas e responsábles de prestar ou de velar por que se preste un servizo digno do tempo en que vivimos.
Así, a presión veciñal pola recuperación da liña de Melytour por Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso, unha das reclamacións veciñais, logrou que se fixara unha reunión co Alcalde para o vindeiro martes dia 10 de abril ás 20 horas, no Centro Neural de Gondomar, á que está convocada a veciñanza afectada.
E seguindo nesa liña de acción, tamén se inciou a recollida de sinaturas para reclamar da Xunta de Galicia que convoque, á maior brevidade posible, unha reunión da Comisión de Seguimento do “Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galiza na área de trasporte metropolitano de Vigo”, e que inclúa na súa orde do día a incorporación do Concello de Gondomar nese convenio para que a súa veciñanza poida dispoñer da tarxeta metropolitana e, dese xeito, beneficiarse dos descontos no importe dos billetes, co conseguinte aforro nos gastos de desprazamento.
Tamén se reclama do Concello de Gondomar que inste á Xunta de Galicia a cumplir esas demandas e que llo traslade aos demais concellos da área metropolitana para o seu coñecemento.