Logo de vinte e oito anos de traxectoria, ‘Inda canto’ é a nova aposta do grupo por reinventarse e seguir andando camiños musicais, sempre a carón da tradición.
Desde 1990 Treixadura constitúe un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita. Durante este tempo o grupo foi modelando o seu camiño, transformando o estilo, pero sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico.
Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de enlazar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.