Consta de 18 paneis cheos de poesía visual e que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. As protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres dende nenas, recalcando na importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación das nenas e dos nenos.
Seleccionouse a Barbie para a mostra por tratarse da boneca máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas do mundo pero que, ao tempo, transmite valores sexistas, presentando a unha muller obxecto, que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.
Deste xeito, as artistas creadoras da mostra interviñeron as bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico, e por elo, diante de cada peza haberá un martelo co fin de trasladar a idea de romper con esa situación.
Esta mostra reivindicativa poderá visitarse na Casa das Artes ata o domingo 13 de maio e estará aberta ao público de luns a venres en horario de 18.00 a 21.00 horas; os sábados de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00h a 21.00 horas; e os domingos e festivos de 12.00 a 14.00 horas.