«O proxecto para a Gran Vía é extraordinario e terá tres veces máis vexetación da que hai agora, o que queira poderá utilizar as cintas mecánicas para subir a avenida e o que non queira poderá utilizas as beirarrúas», sinalou o rexedor durante a rolda de prensa na que asegurou que o proxecto conta con todos os permisos necesarios.
Segundo avanzou Caballero, o mal estado das árbores actuais situadas nas beirarrúas e na medianeira obriga cambiar as especies e nalgún caso a transplantar para poder salvar as especies. É o caso dos camelios e laranxeiros que están afectados por fungos debido á polución. No referente aos castaños de indias e tilos das zonas laterais, os informes dos enxeñeiros agrónomos apuntan a que hai grave risco de caída.
«Son especies que non deberían estar aí e que debido as podas a súa estrutura modificouse e hai un perigo potencial de índice 10 sobre 12», engadiu o alcalde antes de lembrar a caída de árbores hai varios anos na cidade, nalgún caso enriba dun vehículo.
Ademais, explicou que a actuación na Gran Vía tamén inclúe diferentes especies de árbores máis adecuadas para a zona, así como arbustos e plantas en todo o tramo desde a rúa Lepanto hasta Venezuela. O rexedor apuntou que o proxecto conta cun orzamento de 9 millóns de euros e un prazo de execución de 12 meses para instalar as cintas mecánicas en catro tramos que salvarán 650 metros en un tempo de dous minutos.
Abel Caballero sinalou tamén que a obra ten todos os permisos e que non é necesaria a autorización de Patrimonio, xa que a obra non afecta a elementos a protexer e, tal e como sucede noutras actuacións como García Olloqui ou Praza de Compostela, a propia Consellería de Cultura sinalou que non facía falla.