A rexedora agradeceulles a todos os presentes “o esforzo realizado por estar aquí unha tarde de venres para apoiar ao Concello na defensa dos dereitos e dos intereses de Mos, da Área Metropolitana, e de tódolos condutores e condutoras que transitan pola A-55”.
Arévalo deulles tamén as grazas “a todos os membros da Corporación Municipal, e en especial aos compañeiros dos grupos políticos do BNG, PSOE, GañaMos e ó concelleiro non adscrito, Emilio Muíños, por estar todos unidos nesta que considero é unha nobre causa”. “Neste intre, por riba dos intereses de partido, únennos os intereses do noso municipio e a bandeira de Mos”, engadiu.
Durante a concentración, a alcaldesa fixo lectura dun comunicado no que se reclamaba “a reanudación das obras de mellora da seguridade viaria na autovía A-55 por parte da Dirección Xeral de Estradas do Estado, xa que desde a construción desta autovía, historicamente xa constan nos libros de actas de sesións plenarias, as preocupacións e demandas das distintas corporacións, das deficiencias en materia de seguridade e a solicitude de melloras e servizos que a día de hoxe non se cumpriron na súa totalidade”.
O Concello de Mos padece as consecuencias de estar atravesado pola vía máis perigosa de Galicia, na que se iniciaron unhas obras de mellora fai preto de tres anos (o 26 de outubro de 2015). Mos é a vila máis afectada por esta infraestrutura viaria, tanto polos sinistros entre vehículos que diariamente se producen e que son asistidos polo Servizo Municipal de Emerxencias e pola Policía Local, como polos accesos, entre eles o do barrio de San Eleuterio en Tameiga, cuxa situación empeorou respecto de antes do inicio da obra, véndose aínda máis deterioradas a iluminación e a sinalización horizontal nesta zona.
Pero o retraso destas obras aféctalle a tódolos veciños da área metropolitana. Por esta autovía transitan todos os días milleiros de persoas que se dirixen dun municipio a outro, indo ou regresando dos seus postos de traballo. A estrada carece de sinalización horizontal na práctica totalidade do seu trazado, co perigo e confusión que iso implica para os condutores, xa que non están claros os límites de velocidade debido ás obras interrompidas.
No manifesto municipal ao que lle deu lectura, Arévalo destacaba que “non é para min prato de bo gusto como alcaldesa, independentemente da miña cor política, mobilizar á veciñanza por tan triste realidade como é o incumprimento reiterado por parte da Dirección Xeral de Estradas do Estado da data comprometida para a reanudación das obras de mellora da seguridade viaria. Pero tamén son realista e sei cando, chegados a un punto, hai que pasar a acción e non quedarse con promesas vagas de datas futuras que nunca chegan”.
Xestións
Por último Arévalo informou de que “desde o Concello durante os últimos días non cesamos en intentos de que as obras se retomasen, facendo xestións con distintas administracións. Concretamente remitindo sendas cartas ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, para trasladarlles o malestar do Concello de Mos con esta grave problemática e pedirlles intermediación ante a Dirección Xeral de Estradas do Estado e ante o Ministerio de Fomento para tentar poñerlle fin a esta situación canto antes, polo ben de todos”.
A rexedora insistiu en que “ogallá que o inicio das obras chegue máis pronto que tarde, pero de non ser así non cesaremos nas nosas mobilizacións ata conseguilo”. E anunciou que a vindeira acción á que se convoca á cidadanía está programada para o vindeiro venres 20 de abril ás 20.00 horas e consistirá nunha comitiva que partirá camiñando desde A Curuxeira.