«Na xornada de hoxe realizouse a actividade planificada, sen que fose necesario reprogramar algunha intervención por motivos derivados dos problemas de esterilización nos contedores», explica o Sergas nun comunicado.
En relación coas medidas adoptadas para a validación da correcta esterilización dos contedores, destaca que a pasada fin de semana efectuouse o lavado manual de 600 deles, do total dos 1892 dispoñibles, e posteriormente introducíronse no túnel de lavado coas novas especificacións técnicas prefixadas. Tras este reprocesamento foron recuperadas 200 caixas que están en condicións de incoporarse de novo no circuito da esterilización. O resto foron retiradas para a súa reposición.
Nos próximos días continuarase con esta medida, co obxecto de validar individualmente os contedores restantes. Ademais, de xeito inmediato iniciase o procedemento para a adquisición, pola vía de urxencia, dos contedores necesarios para repoñer aqueles que foron descartados nesta primeira avaliación.
Mentres os técnicos seguen desenvolvendo os estudos para determinar as causas que provocaron a aparición de óxido de aluminio na superficie dos contedores, o pasado venres procedeuse a modificar o conxunto de parámetros físicos e químicos do proceso integral de esterilización.
«Co obxecto de minimizar repercusión asistencial desta situación, procederase a unha validación diaria da actividade cirúrxica programada, para manter intacta a cirurxía prevista en xornada de mañá, tal e como ten acontecido coa programación deste luns. Así, para este martes, están programadas 108 intervencións cirúrxicas (71 en Meixoeiro e 37 no Álvaro Cunqueiro)», conclúe o Sergas.