A actividade, que terá lugar no auditorio do Concello de Vigo, versará sobre a relación que existe entre a produción e a dirección á hora de levar a cabo un proxecto cinematográfico. Dentro dela, abordaranse, entre outros, aspectos tan importantes como o casting ou a dirección de actores e actrices non profesionais. Ademais, Gago expoñerá tamén a súa visión particular do que é facer un filme poñendo como exemplo ‘Matria’.
Os participantes poderán asistir de balde ao bloque tres de curtametraxes onde se proxectará ‘Matria’ tanto o venres 11 de maio a partir das 19.30 horas coma o sábado 12 de maio ás 18.30 horas, ambos pases no MARCO.
As entradas, a un prezo de 20 euros, xa se poden adquirir a través da web do Primavera do Cine mediante o método de pago PayPal. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata completar a cabida.
Álvaro Gago
Álvaro Gago é un cineasta vigués que está a colleitar grandes éxitos cos seus traballos audiovisuais. No 2013, Gago graduouse na London Film School con ‘Curricán’, unha curtametraxe que tamén lle serviu para alzarse co galardón ó mellor filme no IV festival Primavera do Cine e en Cans así coma o premio á mellor dirección no festival Curtocircuíto.
Dous anos despois Álvaro Gago púxose ó mando da curta ‘Bombolles’ durante un taller de creación impartido por Abbas Kiarostami en Barcelona e que gañou o premio do público no festival Fenêtre sur l’Europe.
En 2017 chega ‘Matria’ e con ela o gran premio do xurado no 2018 Sundance Film Festival, converténdose así no primeiro español que consigue este galardón. A cinta tamén logrou a distinción á mellor curtametraxe española na Seminci e mellor película e mellor actriz tanto en Alcine como no festival de Aguilar del Campoo.
Actualmente Gago está inmerso na edición de ‘Trote’, a primeira longametraxe de Xacio Baño, e no desenvolvemento do guión dunha curtametraxe de ficción titulada provisionalmente Vigo, 18 de decembro, ó mesmo tempo que traballa na súa primeira longametraxe.