Á reunión, ademais da alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, asistiron o voceiro do Partido Popular de Mos, Camilo Augusto Martínez, Aurora Giráldez Leirós por GañaMos, a voceira socialista, Patricia Pérez Ucha, o voceiro do BNG, Miguel Anxo Aldea Moscoso, e o concelleiro non adscrito Emilio Muíños Pumar.
Da xuntanza extraeuse a decisión de convocar unha nova mobilización para este venres 20 de abril ás 20.00 horas. A comitiva, encabezada polos membros da Corporación Municipal, partirá dende A Rans, na parroquia de Tameiga, a pé ata chegar ao acceso a San Eleuterio, unha das zonas afectadas pola paralización das obras, e continuarase pola vía de servizo da autovía ata chegar ao Concello.
Neste sentido os corporativos municipais convocan á veciñanza e asociacións mosenses, así coma a todos os particulares usuarios da A-55 e todo tipo de entidades afectadas, a sumarse a esta causa e acudir á acción programada para o vindeiro venres.
Arévalo, rexedora local mosense, aproveitou a Xunta de Portavoces para comunicarlles aos presentes todas as xestións que dende a Alcaldía do Concello de Mos se están a levar a cabo e que son complementarias ás manifestacións organizadas para tentar resolver a problemática canto antes.
Sen resposta
A alcaldesa informou de que polo momento non recibiu resposta ás súas xestións por parte das autoridades competentes e responsables do problema coa A-55, de xeito que dende o Concello continuarase coas mobilizacións ata lograr poñerlle solución.
Arévalo salientou así mesmo “a unión que estamos a ter todos os grupos políticos da Corporación nesta causa común que non é outra que defender os intereses e os dereitos dos veciños e veciñas de Mos e a seguridade dos miles de condutores que a diario transitan pola autovía”.
Durante a Xunta de Portavoces tamén se trataron as posibles accións a desenvolver de cara a un futuro e que se irán facendo públicas progresivamente.