O emblemático Palacio da Bolsa de Porto acolleu a máis dunha trintena de turoperadores, axentes turísticos, representantes institucionais das cámaras municipais de Valongo, Póvoa de Varzim, Paredes, Santo Tirso e Barcelos así como do Departamento Operacional do Turismo Porto e Norte de Portugal e medios de comunicación para presentar a campaña de promoción de Rías Baixas que o goberno de Carmela Silva escolleu neste 2018 ao abeiro do Ano do Patrimonio.
A presidenta da Deputación converteu ás Illas Cíes en protagonistas da acción promocional, ao poñer en valor a importancia deste espazo desde o punto de vista do patrimonio natural que “aspiramos a converter en Patrimonio da Humanidade”. Sobre o arquipélago, Silva detallou as “impresionantes vistas” delas mentres se percorre o Camiño Portugués pola Costa.
Sen saír de Vigo tamén tivo un papel protagonista o festival do Marisquiño, integrante dos #RíasBaixasFests, que se celebra cada ano “a carón do mar”, así como outros elementos do patrimonio olívico como o Pazo Quiñones de León e os seus xardíns.
Xunto á cidade olívica, tamén formaron parte da promoción turística da provincia de Pontevedra recursos turísticos relacionados co patrimonio fortificado, como o Castelo de Sobroso, ou co patrimonio espiritual, representado polo mosteiro de Santa María de Oia, “a carón do mar” e festas de interese turístico como A Arribada de Baiona ou o Corpus de Ponteareas. De igual modo, o Camiño Portugués pola Costa, “e as súas impresionantes vistas”, e o Camiño Portugués Tradicional, así como todos os concellos polos que transcorren ambas rutas foron protagonistas da presentación de ‘Somos Historias’ en Porto.
Patromonio
A presidenta provincial explicou que os obxectivos da campaña ‘Somos Historias’ están centrados na divulgación do patrimonio, “desde castelos a fortalezas, de castros arqueolóxicos a mosteiros, de illas paradisíacas e marismas a ríos e fervenzas do interior, de escritores e escritoras universais a mitos e lendas. Unha terra de mar, bosques e paisaxes marabillosos, cunha cultura milenaria e unha gastronomía recoñecida no panorama internacional”, asegurou a presidenta da Deputación.
En Porto, Silva falou da figura de María Vinyals así como de Pedro Madruga e os seus lazos co Castelo de Soutomaior, “unha xoia do noso patrimonio que reabrirá as súas portas ao público a partir do 12 de maio”. Pero tamén recordou outros elementos do patrimonio relacionados coa historia de galaicos e fenicios, co patrimonio natural e paisaxístico a través dos espazos naturais e dos xardíns de excelencia internacional, como o do castelo, “con máis de 200 variedades de camelias e árbores centenarias”.