Todos quedaron abraiados co simulacro de rescate que realizou a aeronave con base en Peinador á súa chegada e co aterraxe posterior no campo situado fronte a superficie comercial ‘Mercadona’. Ademais, todos tiveron a oportunidade a continuación de coñecer de preto a aeronave e falar coa súa tripulación. Nesta xornada lúdica participou tamén o GES do Val Miñor e a Policía Local de Nigrán, promotora do xogo no municipio.
O centro educativo acolleu dende o luns 16 a este venres esta campaña europea que propicia o transporte sostible e que se puido realizar grazas á Policía Local de Nigrán e a Dirección General de Tráfico (DGT). O xogo implicou a todo o alumnado e aos seus pais para que acudisen ao colexio camiñando, en bicicleta, en transporte público ou compartindo o coche entre varios.
A implicación foi tal que, aínda que están pendentes da avaliación final, xa saben que superaron o seu reto particular de incrementar nun 15% o uso de transporte sostible para os desprazamentos ao centro.
Así, durante estas dúas semanas, cada vez que empregaban un medio pouco ou nada contaminante pegaban adhesivos nun póster que representa a serpe ‘Travis’. Os alumnos non só acadaron o obxectivo final de cubrir completamente a serpe coas pegatinas, se non que precisaron de outro póster.
‘El juego de la serpiente’ comezou como un proxecto pequeno en Flandes (Bélxica) e aos poucos foi crecendo ata converterse nunha vasta campaña europea, na que participan centos de escolas en diferentes países. Os datos mostran que o xogo aumenta o número de viaxes á escola en modalidades sustentables e que reduce as emisións de CO2.