O partido vén de presentar esta iniciativa para que a cámara autonómica “inste” ao Ministerio de Fomento a tomar estas dúas decisións e ademais impulse de forma decidida un novo viario entre ambas localidades que teña un trazado que substitúa, a través dun túnel, o actual. En concreto, o BNG fai alusión a chamada ‘Curva dos Molinos’, un tramo de alta concentración de accidentes, especialmente nos días de chuvia.
O pasado 3 de abril o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, anunciou unha inversión de 330 millóns de euros para levar a cabo as obras dun novo trazado de autovía que salve os perigosos treitos existentes na actualidade, pero desde entón non houbo novidades ao respecto así como tampouco as houbo en relación ás obras de mellora da actual estrada a pesar das reivindicacións activas do Concello de Mos.
Desde esa mesma vila, o BNG anunciou este venres a súa renuncia a participar en máis manifestacións conxuntas para esixir que se retomen as obras na A-55, rompendo así a unidade existente ata o de agora.
A formación nacionalista toma esta decisión debido ao “tono unipersonal” da alcaldesa, Nidia Arévalo, nos escritos remitidos ás casas dos cidadáns e ás institucións, “quedando relegados a segundo plano os demais membros da corporación, o que indica un manexo excelente pola súa parte da cuestión propagandística”.
“O protagonismo, nun caso coma este, ten que deixarse á cidadanía e conseguir que alguén independente sexa a voz que nos represente, pero en ningún momento se fixo nin se quixo facer, tendo moi claro o papel central e visible da Alcaldía”, apuntan desde o Bloque de Mos.