A mostra amosa as obras de Alejandro de la Sota Martínez e o seu pensamento arquitectónico, con fondos documentais cedidos pola Fundación Alejandro de la Sota. A exposición, deseñada por Trespes Arquitectos, está composta por oito prismas de base cadrada –de 1,5 metros e 2 metros de altura–.
Cada prisma acolle unha temática, e cada temática presenta dous proxectos. De forma diferenciada destaca o módulo no que se expoñen varias pezas de mobiliario deseñadas polo arquitecto e outro que está dedicado ao seu ideario cun ideograma con frases e anacos de memoria.
Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1913-Madrid, 1996) foi un dos arquitectos españois mais prestixiosos e recoñecidos do seu tempo. A súa arquitectura, desde os seus inicios na profesión, enlaza co pensamento máis avanzado do Movemento Moderno europeo.
A súa forma de abordar o proxecto a través da idea, dunha argumentación conceptual e abstracta, da experimentación no uso dos materiais e dunha expresividade concisa e elocuente, ocupan un lugar central no discurso intelectual da arte e a arquitectura do século XX.
Desde as súas propias realizacións, nas súas diferentes ocupacións como arquitecto, no Instituto de Colonización, funcionario na Dirección Xeral de Correos, e como docente na Escola de Arquitectura de Madrid, a influencia da súa obra e do seu pensamento foi inmensa, tanto na súa contorna xeracional como nas décadas posteriores, chegando ao momento actual, en que unha gran parte dos arquitectos españois considéranse os seus discípulos.