O percorrido comezará ás 11 horas, pero as persoas interesadas xa poderán acceder á infraestrutura dende as 10.30, con acceso pola rotonda de Rande.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda recomenda levar calzado cómodo, gorra, protector solar e auga.
Esta andaina, duns tres quilómetros, ten como obxectivo achegar e dar a coñecer esta nova estrada aos veciños da área, xa que neste mes entrarán en servizo os dous primeiros treitos da autovía.
Trátase da infraestrutura viaria de maior investimento autonómico que o Goberno galego está a impulsar, con 11 km e 55,5 millóns de euros.
Con este proxecto, a Xunta cumpre o seu compromiso de dotar a comarca do Morrazo dunha autovía libre de peaxe, que resolva os problemas de capacidade do corredor actual, xa que por esta vía circulan 15.000 vehículos cada día, unha cifra que chega ata os 20.000 moitos días de verán, e incremente a seguridade viaria na contorna.