Caballero explicou que a incorporación deste legado á colección municipal de arte galega do Concello é un acontecemento cultural “de primeira orde” e converte a Vigo nunha referencia artística ineludible. “Esta mostra transcende o territorio, é un valor da cultura universal”, dixo. Na súa intervención, agradeceu á familia esta cesión «pola súa xenerosidade coa cidade e co patrimonio colectivo» sen pedir nada a cambio máis aló da divulgación desta obra.
A exposición mostra practicamente todas as etapas do autor: o seu retorno a Galicia nos anos 20 do século pasado, a súa renovación de estilo e interpretación da realidade galega dos anos 30, o impacto da Guerra Civil, o seu exilio en París e, finalmente, o seu regreso e presentación en España a partir dos anos 50.
A colección recolle, así mesmo, todas as temáticas que lle son propias, coa muller como gran protagonista; o seu país galego, que capta a través das súas paisaxes e as súas xentes en romarías e oficios; os traballos de estudio, a súas incursións na mitoloxía ou os seus retratos.